educación

  O Mapa Socio-Lingüístico de Galiza realizado no 2004 alertaba da progresiva desgaleguización da nosa sociedade chegando a niveis máis que preocupantes. Se ben era unha realidade que se viña producindo dende facía tempo, por primeira vez o número de persoas entre 16 e 54 anos que tiñan como lingua inicial o galego baixaba do 50%. En concreto Galiza pasou de ter un 51,2% no 1992 a tan só o 20,6% no 2004. Un descenso alarmante que se veu favorecido polo papel desgaleguizador da escola(pois un 80% dos nenos que entran en primaria falando galego, chega ao bacharelato utilizando o castelán como lingua habitual).

  Unha enquisa realizada polo IGE sobre o uso do galego no ámbito educativo no ano 2008 reflexa que o 14,3% da poboación galega de 5 ou máis anos recibía as clases todas en galego, o 46,6% maioritariamente en galego, o 32,8% maioritariamente en castelán e o 6,3% recibías todas en castelán. Agora ben, o 12.9% responden a todos ós seus exames en galego, o 40,2% maioritariamente responden os exames en galego, o 33,3% maioritariamente en castelán  e o 13,6% só contestan os exames en castelán.

  O 11,4% din que na escola sempre escriben en galego, o 41,7% máis en galego ca en castelán, o 35,4% máis en castelán ca en galego e o 11,4% só en castelán. Segundo o idioma que falan cos compañeiros o 17,4% din que só en galego, o 19,9% máis en galego ca  en castelán, o 28,1% máis en castelán ca en galego  e o 35,3%  só en castelán.
Cos profesores, o 15,1% din que falan sempre en galego, o 28,7% que empregan máis o galego có castelán, o 33,8% máis o castelán có galego e o 22,5% só en castelán.

  No ano 2003, da franxa de poboación comprendida entre 5 e 16 anos, un 11,5% recibía todas as clases en galego, un 37,5% maioritariamente en galego, un 41,0 % maioritariamente en castelán e un 10,1% só en castelán. No ano 2008 en cambio, un 18,2% din que reciben as clases todas en galego, un 53,6% maioritariamente en galego, un 24,4% maioritariamente en castelán e un 3,8% só en castelán. No 2003, das persoas maiores de 17 anos, un 3,8% recibían todas as clases en galego, un 21,3% maioritariamente en galego, un 52,6% maioritariamente en castelán e un 22,3% só en castelán. Pola contra, no 2008 un 7,7% reciben todas as clases en galego, un 34,6 % maioritariamente en galego, un 47,0 %  din recibir máis en castelán ca en galego e un 10,7% só en castelán.

   Dende os diferentes gobernos sempre se tentou poñer freo a esta situación, case sempre con menos entusiasmo do requirido, elaborando diferentes normas pero sempre con resultados pouco satisfactorios. Unha das ultimas normas aprobadas foi o Decreto do Galego no Ensino, o 12 de xuño de 2007, no cal se pretende tratar as dúas linguas por igual e que levantou fortes polémicas nos sectores máis conservadores. Máis aló deste infrutuoso debate, dende o ámbito educativo contemplouse esta medida con bos ollos, tanto polo carácter promotor do galego como por terse aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Ó mesmo tempo, algúns sectores coinciden en criticar a falta de interese da Administración para facer aplicar a normativa e sobre todo para favorecer o seu cumprimento. A este respecto o representante sindical do STEG (Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galicia), Pepe Cabido, consideraba preocupante o estado de saúde da lingua galega no ensino, e, aínda que sostiña que o novo Decreto na teoría supuña un avance, na práctica resultaba un completo fracaso xa que non había vontade política para cumprilo. Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, sinalaba que, a pesar de que todos os indicadores advertían que o nivel de cumprimento da normativa era moi baixo, a Administración non facía nada por poñer en marcha medidas que corrixisen esta diferenza entre o que promove o decreto e a realidade.

   A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural e representa un valor fundamental de cohesión nunha determinada comunidade. O artigo 3 da Constitución establece, no seu punto 1, que o castelán é a lingua oficial do Estado, e, no punto 2, que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos, e sinala que a lingua é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección. O estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 5, define o galego como lingua propia de Galicia, que tanto o galego como o castelán son linguas oficiais da mesma e que todos teñen dereito de coñecelas e usalas. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

   A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de conformidade coas disposicións procedentes, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego en todos os eidos da sociedade. O artigo 14 desta lei indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais. O Plan xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004, establece como un dos seus obxectivos xerais conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, e dálle prioridade á súa presenza en sectores estratéxicos.


Decretos sobre o uso do galego no ensino:
   O Parlamento de Galicia, con data do 15 de xuño de 1983, aprobou a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística. A devandita norma revelaba o afán de xeneralizar no seo da Comunidade galega o uso do galego como idioma propio de Galicia, cooficial co castelán. O artigo 1 da lei citada estableceu o dereito dos galegos a coñeceren e usaren a súa propia lingua. O artigo 2 da devandita lei declara a cooficialidade, para a Comunidade Autónoma, do galego e do castelán. O título III establece os principios xerais do ensino en lingua galega e determina (artigo 12) que o galego é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis e que a Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino. Así mesmo o artigo 13 asegura o dereito de tódolos nenos e nenas a recibiren o primeiro ensino na súa lingua materna.
Foi necesario adapta-la normativa da Lei 3/1983 de normalización lingüística ó novo marco de aplicación da Lei 1/1990 de ordenación xeral do sistema educativo, e seguir contribuíndo a que se cumprisen os obxectivos fixados na citada Lei de Normalización Lingüística, salientando o que dispón o artigo 14.3: as autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

   Os decretos 426/1991, do 12 de decembro, 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro, e 275/1994, do 29 de xullo, polos que se establecen os currículos da educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan como unha das finalidades de cada nivel educativo a utilización, de xeito apropiado, das linguas oficiais no ensino.

   Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, publicado no DOG núm. 178, do 15 de setembro de 1995. Este decreto di que a Administración educativa de Galicia e os centros de ensino comunitarios deberán empregar a lingua galega e fomentar o seu uso tanto nas súas relacións mutuas e internas como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia. Deberanse redactar en galego tódolos documentos administrativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, asi como os de todos os organismos dependentes dela(por documentos administrativos tamén se entenden as actas, comunicados e enuncios dos centros educativos).

   A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, é o departamento administrativo competente para organizar, coa colaboración  doutras institucións se é preciso (especialmente da Escola Galega de Administración Pública) cursos de galego tanto para o persoal docente como non docente da Administración educativa, co fin de que acaden un grao de dominio da lingua galega que facilite o exercicio do dereito a usala, así como para facer un uso correcto dela dentro do ámbito académico e ademais para lles garantir satisfactoriamente ese dereito ás persoas que teñen relación coa  Administración educativa.

   Nas ensinanzas de réxime xeral e de educación das persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, asignarase globalmente o mesmo número de horas ó ensino da lingua galega e da lingua castelá.

   Nas clases de lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura, usarase respectivamente o galego e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.

   Para o adecuado cumprimento deste decreto, na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No segundo e no terceiro ciclos de educación primaria impartiranse en galego dúas áreas de coñecemento, cando menos, sendo unha delas a área de coñecemento do medio natural, social e cultural.

   Na educación secundaria obrigatoria deberanse impartir en galego as áreas de ciencias sociais (xeografía e historia) e de ciencias da natureza. Das materias optativas impartiranse en galego as relacionadas coas ciencias medioambientais e a saúde, así como a optativa ofertada polo centro(se existe).

   No primeiro curso de bacharelato impartirase en lingua galega como materia común a filosofía e como materias específicas de modalidade as seguintes: tecnoloxía industrial I (bacharelato de tecnoloxía); bioloxía e xeoloxía (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); historia do mundo contemporáneo (bacharelato de humanidades e ciencias sociais) e debuxo técnico (bacharelato de artes). No segundo curso de bacharelato o alumnado recibirá o ensino en galego de historia, como materia común, e como materias específicas de modalidade: debuxo técnico, tecnoloxía industrial (bacharelato de tecnoloxía), ciencias da terra e medioambientais, debuxo  técnico (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde),  xeografía, historia da arte, historia da filosofía (bacharelato de humanidades e ciencias sociais) e historia da arte (bacharelato de artes). Tamén serán impartidas en galego as seguintes materias optativas: ética e filosofía do dereito, introdución ás ciencias políticas e socioloxía e historia e xeografía de Galicia.

   Na formación profesional específica de grao medio e superior(ciclos) o alumnado recibirá ensino en galego nas áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a súa integración socio-laboral. Ademais, segundo o disposto no artigo 13.3º da Lei de Normalización Lingüística, os alumnos e as alumnas non poderán ser separados en centros nin aulas diferentes por razón da lingua.

  Os materiais que se empreguen nas áreas ou materias ás que se refire o parágrafos anteriores deben estar escritos normalmente en galego, ter a calidade científica e pedagóxica adecuada e atender (sen prexuízo da súa proxección universal) ás peculiaridades de Galicia. Con este fin a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

  Nas áreas ou materias non mencionadas anteriormente deberase empregar a lingua que se teña establecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolar. En todo caso, no proxecto educativo do centro coidarase e respectarase o equilibrio entre as dúas linguas oficiais e nel constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acada-lo obxectivo xeral establecido na Lei de Normalización Lingüística. En todo caso, para facer efectivo o dereito á educación, os profesores e profesoras adoptarán as medidas oportunas co fin de que os alumnos e alumnas que non teñan o suficiente dominio da lingua galega poidan seguir con proveito as ensinanzas que nesta lingua lles impartan.

   A inspección educativa velará polo cumprimento do establecido no presente decreto. Con tal fin os centros docentes públicos e privados que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarios remitirán á inspección educativa os horarios, áreas e materias impartidas en lingua galega, así como a relación dos materiais curriculares empregados nestas materias.


Disposición derrogatoria:
   Queda derrogado o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística; a Orde do 1 de marzo de 1988, pola que se desenvolve o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria deste mesmo decreto.


Disposicións transitorias:
Primeira: En canto non se extingan as ensinanzas de 7º e 8º de educación xeral básica, bacharelato unificado e polivalente, curso de orientación universitaria e formación profesional de primeiro e segundo grao, impartiranse en galego as áreas ou materias que se establecen no Decreto 135/1983, do 8 de setembro, polo que se desenvolve para o ensino, a Lei 3/1983, de normalización lingüística e a Orde do 1 de marzo de 1988 pola que se desenvolve o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Segunda: Cando por razóns de organización do persoal docente dos centros existan dificultades xustificadas no curso académico 1995-1996, para a aplicación inmediata do establecido nos artigos 4º.3, 5º e 6º do presente decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder o prazo de ata un ano para facer efectivo o disposto nos citados artigos.


Disposicións derradeiras:
   Primeira: Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dita-las disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento do establecido neste decreto.
   Segunda: Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.



  O Decreto 124/2007, do 28 de Xuño, vixente agora, regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Con respecto o decreto do 95, o decreto do 2007 presenta as seguintes variacións:

   A Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverán un plan de formación, coa colaboración, se é o caso, doutras institucións, que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servizos os de apoio cuxo persoal dependa da consellería teña un coñecemento dos aspectos sociolingüísticos do idioma e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego. Nesta planificación, que terá unha execución gradual, fixaranse prazos e etapas, e daráselles prioridade á situación e aos colectivos con máis carencias.

   Así mesmo, o persoal seleccionado nos procedementos selectivos de ingreso nos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica de Educación 2/2006, deberán realizar durante a fase de prácticas un curso de formación específico de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos que lle permitan desenvolverse plenamente en lingua galega. Para poder participar no concurso xeral de traslados a prazas de materias impartidas en lingua galega o profesorado deberá acreditar a súa capacitación para exercer nela as súas clases e deberá ter realizado o curso de perfeccionamento antes mencionado(poderá validalo con títulos equivalentes).

   Un dos cambios máis significativos deste decreto con respecto o 247/95 e o feito de que tanto nas ensinanzas de réxime xeral como na educación de persoas adultas se deberá asignar globalmente o mesmo número de horas ó ensino da lingua galega e da lingua castelá. Nas clases de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá, usarase, respectivamente, o galego e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado, aínda que nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderá empregarse esta lingua.

   Na etapa de Educación Infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, tendo en conta o contorno e posibilitando que o alumnado adquira  as competencias orais e escritas da etapa ou ciclo  correspondente, na outra lingua oficial de Galicia. Para establecer a lingua materna predominante o claustro de profesores terá en conta os criterios establecidos no proxecto lingüístico (onde se terán en conta, entre outros, o mapa sociolingüístico de Galicia, os datos estatísticos oficiais e a información achegada polos pais e nais). No caso de dárense contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Débese fomentar progresivamente o emprego da lingua galega nos ámbitos oral e escrito, coa fin de que se converta no idioma base da aprendizaxe e así o alumnado poida comunicarse en galego con alumnos e profesores normalmente.

   En toda a etapa da Educación Primaria impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e dereitos humanos, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma.

   Na Educación Secundaria Obrigatoria impartiranse en galego as materias ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando a materia de ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía, por un lado, e física e química, por outro, ambas as dúas materias impartiranse en galego. Ademais destas, o claustro completará o numero de materias que deben ser impartidas en galego para facer cumprir o decreto.

   No Bacharelato, o alumnado recibirá, polo menos, o cincuenta por cento da súa docencia en galego coa fin de alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.

   Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, xa que se debe garantir que en todos os módulos o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

   Na ensinanza de persoas adultas impartiranse o cincuenta por cento das materias en lingua galega nos niveis I e II, e integramente en lingua galega               -agás as materias doutras linguas- no nivel III (ESO) e no bacharelato. Para os inmigrantes establecese un plan que inclúe formación lingüística, histórica e cultural.

   O alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria ou en Bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención da cualificación das probas de avaliación de materia de lingua galega durante dous cursos académicos. Esta exención suporá unicamente a consignación de exento no libro de cualificacións e máis no expediente do alumnado. O alumnado terá que asistir obrigatoriamente ás clases como medio de integración lingüística e coa finalidade de que, cun esforzo especial pola súa parte, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado, poida, ao remate do prazo da exención, ter un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel en que estea ou vaia matricularse en igualdade de condicións ca os demais compañeiros de clase. Se o alumnado incumpre esta condición poderase revogar a exención, co que os afectados poderán ser cualificados nas avaliacións en do curso en que se atope.

   Para potenciar o uso da lingua galega nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constituirase un equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, que actuará baixo a supervisión da dirección do centro e que estará formado por profesorado, representantes do alumnado( en Educación Secundaria e Bacharelato) e persoal non docente.
Estes equipos deberán deseñar e desenvolver  programas de normalización lingüística nos seus centros e para isto contarán co apoio técnico necesario, recibindo a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego. As experiencias que se consideren positivas no campo da Normalización serán divulgadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

   Como é lóxico con este decreto quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nel(como o Decreto 247/95).

   O certo é que este Decreto non se está a levar  a cabo dunha maneira uniforme e efectiva xa que, aínda que moi poucos se opuxeron abertamente a este decreto,a maioría do persoal docente non está acostumado a impartir as  clases en galego, ou ben non ten unha boa base. A Administración debería estar vixiando con máis rigor a todo o persoal relacionado co ámbito educativo para facer que este decreto se cumpra(a situación real é que fan pouco ou nada).

    Considerada como un dos ámbitos máis importantes para a recuperación da lingua galega, a escola ten un papel central na súa transmisión debido a unha serie de factores tales como:

• É un dos ámbitos en que mellor está o galego porque é onde hai máis sensibilidade e a comunidade escolar está máis vinculada co tema.

• A situación está estancada e segue a considerarse un ámbito desgaleguizador, xa que a maioría dos nenos galegofalantes non conservan a súa lingua. De feito, coincide a incorporación da lingua galega ao ensino co momento de maior perda de falantes en galego.

• Hai unha consciencia do incumprimento da normativa no tocante ao galego como lingua parcialmente vehicular do ensino. Neste sentido, crese que non cumpre unha función recuperadora do uso.

• O uso do galego depende das vontades particulares dos profesores. Nunha enquisa realizada no IES Pedro Floriani obtivéronse os seguintes resultados:
   Un 66,6% dos enquisados dan as súas clases en galego,  un 16,6% dás en galego, un 8,3% nas dúas, e un 8,3% en outras. A un 41,66% dos enquisados gustaríalles dar as clases en galego, a un 33,33% gustaríalle dalas en castelán. Nun 16,66% dánse outras situacións, e hai un 8,3% de abstencións. Un 33,3% dos enquisados consideran o galego como a lingua máis útil para os alumnos, fronte ó 25% que pensan que esta é o castelán. Un 16,6% consideran que ambas linguas son importantes, e nun 25% dánse outras situacións.

• Non hai mala receptividade entre pais/nais e alumnas/os de cara a accións de normalización lingüística.

• Hai un grave problema no ámbito das escolas infantís (0-3 anos), onde a lingua galega a penas ten presenza; as nais e pais que queren escolarizar ós seus fillos en galego non sempre contan con lugares axeitados para facelo.


   No referente aos distintos factores que inciden na normalización lingüística de cara ao cumprimento da normativa no ensino, os participantes nunha enquisa realizada en centros de toda Galicia consideraron como factores moi influentes
a vontade por parte da Administración de facer cumprir a normativa –en primeiro lugar–, o interese por parte do profesorado, e, tamén e finalmente a demanda por parte dos pais/alumnos.

   Pola contra considérase que a influencia dos equipos de normalización lingüística dos centros e os recursos existentes é un tanto menor. No que concirne ao modelo lingüístico do ensino valórase positivamente o marco lexislativo actual. Por iso, moitos dos participantes entenden que debera ser máis ambiciosa a consideración do galego como lingua vehicular do ensino, actuando como factor de compensación á desgaleguización da sociedade.

   Partindo da base lexislativa, que sinala que o sistema educativo obrigatorio debe garantir a capacitación nas dúas linguas, a opción preferida de forma moi maioritaria é a que xulga que o ensino debe ter como lingua vehicular maioritaria o galego para os niveis primario e secundario do ensino.

   Outra opción bastante ben considerada é outra variante relativamente similar á primeira pero máis matizada, que debe partirse dun mínimo do 50% e ir incrementando progresivamente o galego como lingua vehicular en función da situación ambiental, seguindo o modelo catalán. O resto das opcións teñen  escasos apoios entre os  participantes, sendo a opción de que sexan as familias as que elixan a lingua vehicular do ensino.

   O  proxecto de decreto 2009/2010, aínda pendente de aprobación, que consiste fundamentalmente en reducir a porcentaxe de horas en galego para introducir materias en inglés, desatou a polémica e o inicio de gran cantidade de movementos e plataformas -por exemplo a plataforma Queremos Galego, que convocou unha manifestación en Santiago de Compostela en febreiro de 2010 para protestar en contra dese decreto- en contra da súa aprobación.

  Segundo este proxecto (ante a falta dun nome concreto referímonos a el como Decreto 2009/2010 ou como Decretazo) os pais escollerán o idioma no que desexan que os seus fillos estuden durante a etapa infantil- de cero a seis anos. A opción maioritaria será a que se aplique na aula, aínda que tamén terá presenza a outra lingua oficial.

  Este será o criterio na fase da infancia, pero no resto dos sectores educativos tamén serán tidos en conta os puntos de vista das familias, tanto na Educación Primaria Secundaria e Bacharelato. Só na formación profesional non se considerarán os argumentos dos pais, que tan só serán orientadores.

   Outra das novidades que se barallan neste Decretazo, xa mencionada antes, consiste na introdución do chamado trilingüismo na educación, impartindo un terzo das materias en galego,outro en castelán e outro en inglés. Ademais con este suprimirase a esixencia de realizar unha proba en galego no acceso a un organismo público, aplicarase redución do número de premios á innovación en Normalización Lingüística, eliminando tamén as axudas á tradución á lingua galega.

   Arredor del estase a xerar un gran debate, polo que é previsible que se tarde en chegar a un acordo, tendo en conta as posicións ocupadas por diversos sectores. A plataforma Galicia Bilingüe denominou o novo decreto de
“placebo”, xa que na súa opinión, agás para a educación infantil, onde se aplicou a liberdade de elección da linguaxe, servirá no mellor dos casos para suavizar a que eles consideran nefasta política lingüística do bipartito, e non para resolver un gran problema.

   Organizacións do ámbito do ensino integradas na plataforma cidadá Queremos Galego, manifestaron en rolda de prensa as súas inquedanzas polo clima de incerteza que se vive nas aulas perante a previsible derrogación do decreto 124/07 de uso e promoción do galego no ensino. Un decreto que mantén a súa vixencia no presente curso escolar pero que está previsto que sexa substituído por un novo texto. As organizacións participantes denunciaron que ese novo texto, tal e como foi anunciado, suporía o primeiro retroceso legal en 30 anos de período autonómico e presenza legal do galego no ensino.

   Os colectivos CIG-Ensino, AS-PG, STEG, Iniciativa Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, A Mesa pola Normalización Lingüística diversos comités e varias federacións comarcais de asociacións de nais e pais integradas na plataforma Queremos Galego coincidiron en sinalar que non están dispostas a tolerar ningún retroceso legal que supoña unha volta ó pasado ou calquera clase de texto legal que supoña unha redución da presenza efectiva do galego nas aulas. De feito manifestaron a súa disposición a convocar unha mobilización xeral ou xornada de loita de toda a comunidade educativa, en todas as súas etapas, en canto se fixese público o contido do novo decreto co que se pretende substituír o actual.
   
   Estas organizacións manifestaron tamén a súa preocupación polo que entenden como un exercicio de total insubmisión da consellaría de Educación a respecto da súa propia lexislación vixente, asegurando que non é só que non garantan o pleno cumprimento do decreto 124/07, que é de aplicación durante o presente curso escolar, senón que cada declaración pública acaba por se converter nun convite expreso á desobediencia.

   A CIG-Ensino esixiu a retirada deste borrador e o mantemento do Decreto vixente (124/2007), o cal consideran como única ferramenta posíbel para garantir os dereitos do alumnado, o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e da Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Minorizadas, que obriga ó goberno galego a poñer os medios necesarios para a aprendizaxe do noso idioma, garantindo así o cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

   Argumentan que se trata dun borrador que entra en contradición coa recente sentenza do Tribunal Supremo que declara con carácter definitivo que é a Administración a única responsábel de establecer a lingua vehicular no ensino e que debe cumprir o recollido no artigo 5 do estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística (os poderes públicos de Galicia... potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento) e que no seu argumentario deslexitima que a lingua de escolarización das nenas e dos nenos estea supeditada á elección dos pais, como recolle o borrador. En consecuencia o sistema educativo como servizo público e a vehiculización do ensino en galego afectan e corresponden ao conxunto de todos e todas as galegas.

   Este decreto foi aprobado o día 25 de maio de 2010 (sendo denominado Decreto 79/2010), cunha serie de modificacións feitas para facer cumprir o disposto na Constitución española -no referido a demanda de CIG Ensino-. A continuación aparece una síntese do decreto definitivo:

   Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, aínda que deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia que correspondan a esta etapa. Esta será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais acerca da lingua materna do seus fillos.
Neste decreto tamén se especifica que o alumnado será atendido de xeito pormenorizado, tendo en conta a súa lingua materna. Cada centro educativo deberá facer constar no seu proxecto lingüístico as actividades e estratexias de aprendizaxe empregadas para que o alumnado adquira coñecementos nas dúas linguas oficiais.

      Ademais, na Educación Primaria garantirase a adquisición da competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia e impartirase en galego a materia de Coñecemento do Medio e en castelán a materia de Matemáticas.

   Cada centro educativo, deberá decidir, cada catro anos, a lingua en que se impartirá o resto de materias de cada curso, garantindo que as materias en galego e en castelán se distribúen na mesma porcentaxe de horas semanais, sen prexuízo sobre a impartir materias en linguas estranxeiras. Isto tamén será válido para a Secundaria.

   Na etapa de Educación Secundaria garantirase a adquisición da competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia. Impartiranse en galego as materias de Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química.

   No Bacharelato cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, establecerá unha oferta equilibrada na mesma porcentaxe de materias comúns, de modalidade e optativas para impartir en galego e en castelán. Este proceso realizarase cada catro cursos escolares.

   Na formación profesional específica de grao medio ou superior cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e en castelán que garanta que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais, para así garantir tamén que o alumnado coñeza o vocabulario específico da súa especialidade nas dúas linguas oficiais.

   Nos niveis de ensinanzas de persoas adultas, cada centro educativo garantirá que o desenvolvemento das ensinanzas asegure que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais.
   
Para promover o uso do galego nos centros, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa regular de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, facendo fincapé nas actividades que permitan un aumento do uso do galego en actividades extraescolares.

   Nas Ensinanzas Obrigatorias, Bacharelato  e na educación de persoas adultas, asignaráselle globalmente o mesmo número de horas ao ensino das materias de lingua galega e de lingua castelá e, nas clases de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá, empregaranse, por parte de alumnado e profesorado, as linguas propias de cada materia.

   Para potenciar o uso da lingua galega nos centros públicos constituirase un equipo de dinamización da lingua galega, nomeado e supervisado pola dirección do centro e formado polo seu coordinador, por profesorado, por representantes do alumnado (en Secundaria e Bacharelato) e por persoal non docente. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

   Os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos, creados ao abeiro do artigo 18 do Decreto 124/2007, pasan a denominarse equipos de dinamización da lingua galega.

   Galicia Bilingüe é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo fin primordial é defender o dereito dos pais ou, no seu caso, dos alumnos a elixir a lingua vehicular na que estes han de ser educados e, en xeral, o dereito dos cidadáns a elixir en cal das dúas linguas oficiais a Administración ha de comunicarse con eles.

   Na teoría, Galicia Bilingüe promove o galego sen restrinxir o dereito dos que prefiren relacionarse coa Administración en castelán. Garantir a seguridade xurídica referida ó dereito dos cidadáns que reciban a documentación polo menos traducida ao castelán se así o desexan, xa que unha mera referencia ó artigo 36.3 da Lei 30/1992, como acontecía nos anteriores decretos, demostrouse como unha coartada para que en moitos centros non se respectasen os dereitos de moitos cidadáns, mesmo coa inhibición da inspección, cando non dunha interpretación da Lei impropia dun inspector.
A postura que defende é a seguinte:

   Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites da etapa ou ciclo. Garantirase que se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante na aula. Porase especial coidado en que o alumnado aprenda a ler e escribir na súa lingua materna, para que unha vez asentada esta aprenda a ler e a escribir na outra lingua oficial.

   En Educación primaria, ESO e Bacharelato, garantirase a adquisición da
competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais da
comunidade autónoma e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua estranxeira, principalmente en lingua inglesa. Con esa finalidade, establécese que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán, e provese que o terzo restante se poida impartir en lingua estranxeira. De maneira excepcional, os centros educativos que queiran impartir en lingua estranxeira as materias de Matemáticas ou Coñecemento do medio natural, social e cultural deberán aprobalo no Consello Escolar, previa consulta ás familias, e solicitalo á Administración Educativa, que examinará cada solicitude e autorizará a súa viabilidade. Será preceptivo que o centro educativo presente un horario semanal equilibrado de materias impartidas en galego, castelán e as linguas estranxeiras.

   Afirman que  mesmo hai centros nos que, en lugar de actuar con prudencia, aprobáronse uns criterios de cualificación, nos que se establecía rebaixar a cualificación do alumno se non empregaba o galego nas materias impartidas en galego. Curiosamente, nas materias impartidas en castelán permitíase aos que así o desexasen empregar sen restrición o galego, o que podería dar lugar a unha vulneración do principio de igualdade entre os alumnos castelanfalantes e galegofalantes. Un trato discriminatorio que, entre outras cousas favorecería aos galegofalantes á hora de establecer as medias en bacharelato que poden condicionar o acceso ou non a un determinado centro universitario.

   Reclaman que os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán deber estar redactados na lingua en que se imparta a materia. A administración educativa promoverá a elaboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en linguas estranxeiras.

   Galicia Bilingüe defende que o decreto imposto pola lingua galega usada no ensino, descrito como o do 50%, aparenta ser unha regra xusta e igualmente respectuosa cos falantes de ambas linguas oficiais, pero que a realidade é ben diferente: O decreto 124/2007 establece dúas premisas fundamentais que implican a prevalecencia do uso do galego  en Galicia, co risco evidente de ignorancia do castelán. Polo menos 50% das materias impartiranse en galego e un máximo do 50% en castelán. Así, é posible se o centro de decisión que, a menos que a lingua castelá e literatura, todas as outras se impartan en galego. Tamén din que o 50% é aparente, como os principais asuntos académicos e perspectiva de alfabetización tamén se imparte en galego. Claramente,  para un neno castelanfalante, que debe explicar as matemáticas ou a física en galego, isto constitúe una desvantaxe adicional.
 
 Galicia bilingüe quere que na educación primaria en galego se empregue a lingua galega en coñecemento do medio, matemáticas é ética. En castelán e en galego: educación física,lingua e literatura castelá e alternativa. Por ultimo en linguas estranxeiras: as materias optativas optativas(latín e grego), inglés é francés.


A importancia e as vantaxes do plurilingüísmo no ensino:
   Nun mundo cada vez máis globalizado e uniforme (polo tanto empobrecido culturalmente), segue a haber una parte do mundo, da humanidade, que cada vez se aferra máis á riqueza das diferenzas, da diversidade natural. Preservar a riqueza lingüística e cultural da terra é o mesmo que preservar para o futuro a riqueza ecolóxica, paisaxística etc.

   O caso de Finlandia –país con cinco millóns de habitantes–, merece comentario posto que se trata dun referente europeo a cerca do ensino plurilingüe:
 
   Finlandia estivo dominada polos suecos ata 1807 e polos rusos ata 1920, cando acadou a independencia. Só desde 1920 o finlandés é cooficial co sueco, antes era só a lingua da familia, a lingua minorizada, desprestixiada para usos oficiais, mentres que o sueco era a lingua considerada importante.

  Desde aquela, a tradición educativa finesa exemplifica as características fundamentais para un desenvolvemento con éxito de modelos educativos bilingües e plurilingües. Algunhas destas características son un enorme respecto e promoción efectiva das linguas e culturas das minorías, tanto das minorías indíxenas, os sami (7000), coma da minoría sueca (300.000), o porcentaxe do PIB que dedican á educación (un 5,8%, fronte ó 4,9% de España) ou o feito de que o profesorado teña unha formación moi sólida e os exames para acceder ao corpo de profesorado do ensino público (que constitúe o 97% da educación en Finlandia) sexan moi esixentes.

   Debido a isto todos os estudantes acaban a escolaridade obrigatoria dominando catro idiomas: finés, sueco, inglés e un cuarto idioma optativo (cinco idiomas no caso dos sami ou lapóns). O sueco só é a lingua materna do 6 % da poboación pero por ser lingua cooficial en toda Finlandia xunto co finés, propio do 93 % da poboación, todos os fineses deben estudalo e coñecelo.
Outro caso sobranceiro é o de Islandia, xa que se trata do país con maior índice de lectura por habitante do mundo e goza duns resultados escolares óptimos:

   Islandia pertenceu a Dinamarca ata 1944 e ata ese ano a vida oficial (escola, administración etc.) discorría en danés, posto que era a única lingua oficial; o islandés era a minorizada, a lingua da casa. Despois da independencia os islandeses normalizaron o seu idioma sen renunciaren ó danés e ao inglés.

Na actualidade os nenos islandeses estudan en islandés como lingua principal, pero tamén aprenden en danés, inglés e unha  cuarta lingua optativa (alemán ou francés). As tres universidades islandesas imparten clases só en islandés, aínda que a maioría dos manuais estean en inglés ou outras linguas. Isto non supón un obstáculo, senón mais ben unha vantaxe, posto que os estudantes islandeses teñen unha boa competencia nesas catro linguas ó remate da súa escolarización.

   En toda Europa hai casos abondo de plurilingüismo e convivencia lingüística, mesmo en España. No Val de Arán (Lleida), cando o alumnado remata o ensino obrigatorio domina ben tres idiomas, o aranés ,  o catalán e  o castelán, e ten competencia ademais en inglés e francés. Os nenos e nenas araneses non só non sofren ningún tipo de trauma escolar, máis ben ao contrario, son persoas con mellores aptitudes e para todo tipo de aprendizaxes.

   A media mundial é de 17 linguas por estado, aínda que en Europa esta media baixe a cinco linguas por estado. O plurilingüismo é o normal, o natural, o monolingüismo é o anormal.

   En Galicia o ensino bilingüe ten como principal obxectivo garantir que todo o alumnado remate a escolarización obrigatoria (ESO) cun nivel semellante de coñecemento de galego e de castelán, tanto nas capacidades orais como nas de lecto-escritura e, ademais, acadar un coñecemento digno dunha lingua estranxeira, o inglés; é dicir, preténdese que a poboación que accede ó sistema educativo acade unha competencia suficiente para poder expresarse con corrección nas dúas linguas, para garantir a igualdade plena e efectiva das dúas, ademais doutra terceira lingua.