historia da lingua

A lingua galega pertence á familia de linguas indoeuropeas, a familia con máis falantes, xa que son idioma de máis dun 40% da poboación. Dentro desta familia sitúase no grupo das linguas itálicas e , á súa vez, nas linguas latino-faliscas e romances. Dentro destas insírese nas linguas galo-ibéricas dentro diasistema galaico-portugués, compartindo grupo con tan só o portugués e o fala (lingua non oficial do val de Xálima, ao noroeste de Cáceres).O desenvolvemento da lingua vénse dando dende moitos séculos atrás:


OS PRIMEIROS TEMPOS: SUBSTRATO PREINDOEUROPEO
Na Idade de Pedra existiu certo parentesco entre moitos pobos que ocuparon boa parte do territorio que vai dende Galicia ao norte de África, e por toda Europa meridional. Isto explica que hoxe existan no galego palabras preindoeuropeas que se atopan tamén noutras zonas nas que nin se falan nin se falaron idiomas indoeuropeos. Tal é o caso, por exemplo, de voces como: amorodo, carrasco, lastra, veiga, caxigo,...

OS CELTAS
A vaga de celtas que tivo lugar arredor do 600 a. C. Foi a de máis importancia para a zona do noroeste da Península Ibérica.
O galego débelles aos celtas palabras coma berce, bugallo, croio, camba,... e abundantes topónimos como: Sar, Callobre, Barallobre, etcétera. O propio nome da nosa terra, Galicia, e o noso xentilicio, tamén son de orixe celta.


A CHEGADA DOS ROMANOS : ESTRATO
No século I Augusto consegue conquistar Galicia, Asturias e Cantabria, incorporándoas á España conquistada. Comeza aí unha tardía romanización, cando xa o resto da península estaba grandemente romanizada. Os celtas e ou outros pobos anteriores incorporáronse á lingua e cultura dos conquistadores e o latín converteuse na lingua dos habitantes de Galicia (con préstamos). Esta lingua constitúe a base principal do galego. Este proceso de romanización deuse nunha grande parte do territorio europeo actual, e derivou nas distintas linguas romances (español, catalán, francés, portugués, romanés...)

Galicia e Asturias, que chegaban polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria, tiveron dende o principio unha grande autonomía dentro da Hispania citerior. No ano 216 pasaron a constituír unha provincia á parte, co nome de Gallaecia. Os lindeiros xeográficos desta provincia teñen moita importancia, xa que este territorio presenta ata hoxe un léxico común, e nel producíronse os mesmos fenómenos de evolución lingüística que van separar o conxunto de falas pertencentes ao noroeste peninsular da fala castelá que se forma ao sur de Cantabria e norte de Burgos.


O SUPERESTRATO XERMÁNICO
A partir do século V chegan a Galicia, en sucesivas vagas, pobos de raza e lingua xermánica, fundamentalmente os vándalos, os suevos, e os visigodos. Estes pobos, lingüisticamente non foron quen de impoñer a súa lingua aos galego-romanos, pero do contacto con eles, o latín galaico recibiu un gran número de préstamos léxicos: laverca, espeto, roupa,...; nomes de persoa como: Fernando, Alberte, Luís, Elvira, Xerardo...; e nomes de lugar como: Suevos, Samil, Ramil, A Gudiña, etcétera.


A INFLUENCIA ÁRABE (dende 711)
O contacto lingüístico cos árabes, debido á existencia de núcleos árabes asentados ou inmigrados aquí, aportounos algúns antropónimos (Mamede); topónimos (Ceide, Mezquita, Rábade...); nomes de lugar coma Moldes (muladis), Mourisco (de mouros) e mesmo cumbraos (coimbráns), toldaos (toledanos),... No léxico común do galego son moi abundantes os substantivos de orixe árabe (laranxa, aceite, alforxa, albeite, azucre...), pero a meirande parte delas entraron no galego por vía indirecta.


DO LATÍN AO GALEGO
A transformación do latín en galego produciuse de maneira progresiva e imperceptible. É imposible dar unha data exacta desde a que o latín é galego.

No século VIII a lingua da igrexa e da administración era tan distante da falada que xa se diferencian dous sistemas diferentes: o latín e o galego; mais non aparecerán textos escritos en galego ata finais do século XII, xa que o latín continuaba a ser a lingua da cultura, dos documentos legais, da liturxia e do ensino en toda a Europa medieval.

O documento literario máis antigo dos coñecidos hoxe en galego é a cantiga satírica Ora faz ost'o senhor de Navarra de Joam Soares de Paiva, escrita cara ao ano 1200. Dos comezos do século XIII datan os primeiros documentos non literarios en galego, Noticia de Torto (1211) e o Testamento de Afonso III de Portugal (1214).

Galicia constitúe xa desde o século VIII, unha unidade política cos reinos de Asturias e León; malia esta situación, chega a acadar unha maior autonomía que lle permitiu conformarse como reino independente en determinados momentos dos séculos X, XI e XII. Neste contexto o galego é a lingua exclusiva no uso oral, e hai unha decadencia do latín na escrita. A presión deste monolingüísmo oral é o que leva no século XIII a unha situación de cooficialidade entre o galego e o latín nos documentos notariais, bandos, preitos, etcétera, aínda que o latín segue a posuír o estatus de lingua universal de cultura.


ESPLENDOR MEDIEVAL
A medieval é a etapa de maior esplendor da literatura galega. O galego convértese na lingua por excelencia da lírica en toda a península, coa poesía trobadoresca, agás en Cataluña. Propiamente era lírica galego-portuguesa.

O galego acada o rango de lingua internacional, xa que está presente tanto en autores galegos coma en portugueses, casteláns, occitanos, sicilianos, etcétera, ou en cortes reais e señoriais (Santiago de Compostela, Toledo, Coímbra, Lisboa...)

As Cantigas de Santa María (composicións feitas en loanza da Virxe) son a mostra da vertente relixiosa desta lírica galego-portuguesa e constitúen o corpus de poesía mariana medieval máis relevante de toda a Península. Foron compostas na corte de Afonso X o Sabio, quen se encargou da dirección e, en ocasións, da elaboración. Exemplifican o prestixio acadado polo idioma galego como lingua literaria a finais do século XIII.

O galego comeza a separarse do portugués no século XII.

En comparación coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa e tardía. Hai que ter en conta que os centros culturais da época eran os mosteiros, nos que imperaba o uso do latín eclesiástico. Aínda así, a partir dos séculos XIV-XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega. Mostra son os relatos do ciclo bretón arredor da figura do rei Arturo, os textos referentes á historia e destrución de materia de Troia, como a Historia Troiana e a Crónica Troiana; e os Miragres de Santiago (conxunto de relatos que contan dende a destrución de Xerusalén ata a milagrosa intervención do Apóstolo en diferentes situacións).


SÉCULOS ESCUROS
Ao final da etapa medieval (s. XIV-XV), a máis gloriosa das letras galegas, o idioma e a literatura galega entran nun período de decadencia.

Diversos foron os factores que provocaron o progresivo decaemento, entre os que cabe subliñar o asentamento no país dunha nobreza estranxeira que substituíu a unha nobreza galega derrotada tras apoiar aos perdedores nas loitas dinásticas pola coroa de Castela (primeiro a Pedro I contra Henrique II de Trastámara; e máis tarde (1475-1479) a Xoana a Beltranexa fronte á futura Isabel a Católica). Ésta foi intransixente coa cultura e coa lingua de Galicia. Tamén influíu no decaemento a ausencia dunha burguesía capaz de defender os seus intereses e os do país ou a perda de autonomía da Igrexa galega, por exemplo.

Estes feitos e a crecente política centralista e intervencionista de Castela, afianzan gravemente o proceso desgaleguizador nas clases altas da sociedade, o que impide a consolidación do galego como lingua literaria. Neste sistema centralizador aparece, xunto ao concepto de "estado nacional", a necesidade de uniformización lingüística como factor de cohesión da nova estrutura política.

A lingua galega estivo, durante o longo período dos Séculos Escuros (XIV-XVIII), ausente dos usos escritos, fronte ao castelán e o portugués, que entran nun proceso de fixación e codificación que lles confire a categoría de linguas de cultura. Porén, o galego segue a ser a vía normal de comunicación de case a totalidade da poboación. O exclusivo uso oral supuxo a dialectalización e a fragmentación do idioma e, por tanto, a súa consideración como lingua aliteraria, incapacitada para a ciencia e a cultura.

A nosa literatura queda así á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta súa etapa máis escura co Século de Ouro da literatura castelá. Así e todo posuímos algunhas cartas, documentos e escasas mostras literarias que nos deixan ver a lingua da época. Contemporaneamente a este baleiro de literatura erudita, pervive a lírica popular en forma de cantiga de berce, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, etcétera. Moitos deles chegaron ata hoxe por transmisión oral.


ILUSTRACIÓN
No século XVIII, xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Entre este minoritario grupo de intelectuais despunta con forza a figura do Padre Frei Martín Sarmiento, personaxe que defendeu o uso do galego no ensino, na administración e na Igrexa, isto é, a súa normalización como lingua propia dos galegos. Participan tamén o Padre Feixoo, o primeiro en rexeitar a condición de "dialecto" para o galego; e o Padre Sobreira, continuador da labor lexicográfica de Sarmiento. A súa obra constituíu a primeira chamada de atención dunha problemática lingüística que se ha manifestar en toda a súa extensión na segunda metade do XIX.


REXURDIMENTO
"Rexurdimento" é o nome co que se coñece ao século XIX na historia da nosa literatura, e expresa claramente o que foi unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica.

Por mor da Guerra de Independencia española (1809) e dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais, xorden os primeiros textos escritos en galego con fins propagandísticos. Uns chaman ao campesiñado á defensa do país, e outros defenden as ideas liberais.

Ao longo do século, tras a fin do absolutismo e o inicio da monarquía constitucional, nacen diversos movementos galeguistas baseados na defensa da singularidade e da personalidade diferenciada de Galicia. O primeiro deles apareceu cara aos anos 40 e foi o "Provincialismo". Este denunciaba a marxinación social do país e procuraba a valoración social da súa arte, costumes e historia. A segunda xeración galeguista, o "Rexionalismo", compaxinou cultura e política, facendo da lingua a súa preocupación primordial.

No camiño do afianzamento lingüístico e literario, celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais en 1861. As composicións premiadas, xunto con mostras da poesía contemporánea, recóllense un ano máis tarde no Álbum da Caridade, primeira antoloxía do Rexurdimento galego.

O primeiro libro en galego publicado no S. XIX é A gaita gallega, un libro escrito en latín, castelán e galego por Xoán Manuel Pintos no 1852, pero é a publicación de Cantares Gallegos en 1863, da man de Rosalía de Castro, a que inaugura o Rexurdimento pleno. No ano 1980 saen á luz composicións dos autores de máis sona desta etapa: Follas Novas, de Rosalía de Castro, Aires da miña terra de Curros Enríquez, e Saudades gallegas de Lamas Carvajal. Seis anos despois aparece Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal. Rosalía de Castro transcende coa calidade da súa obra as nosas fronteiras para se incorporar á historia da literatura universal. Os seus versos teñen sido obxecto de múltiples estudos e traducións a diversas linguas. Curros Enríquez foi un dos escritores preferidos polos lectores do seu tempo. Sen dúbida porque coa súa poesía denunciou as inxustizas (foros, opresión, emigración...) e defendeu as ideas de progreso. Asentou unha tradición de poesía combativa comprometida que continuarán numerosos autores (Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro...). Pondal, autor do Himno galego, buscou as raíces prehistóricas do seu pobo, salientando o elemento culto, para engrandecelo a partir da súa individualidade. Tentou afianzar o galego como lingua literaria e culta. Os lindes da nosa literatura vanse ampliando de vagar desde a lírica ata a narrativa, o ensaio e a prosa didáctica.

A consolidación da prosa galega non se produce ata o século XX, mais a fins do XIX hai xa precedentes salientables: Maxina ou a filla espúrea, (1880) de Marcial Valladares, primeira novela galega contemporánea. A tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre e O niño de Pombas, converten ao seu autor, Antonio López Ferreiro, no mellor prosista da época.

O xénero teatral foi o menos cultivado. Desde a publicación de A Casamenteira en 1812 até a década dos oitenta non houbo actividade editorial relacionada co teatro.

Nas últimas décadas do XIX nacen as primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega, esenciais para a súa normalización: Compendio de gramática gallega-castellana, de Francisco Mirás (1864) e Gramática Gallega, de Saco e Arce, un estudo serio do idioma galego.

A presenza da lingua galega nos xornais contribúe grandemente a prestixiar o idioma. No ano 1876 edítase, promovido por Valentín Lamas Carvajal, o pioneiro dos xornais integramente en galego, O Tío Marcos da Portela. O éxito deste xornal, con marcado carácter anticaciquil, resultou espectacular. Entre os anos 1886 e 1888 vaise consolidando o xornalismo en Galicia, coa aparición de novas iniciativas monolingües: O Galiciano, en Pontevedra; en Lugo, A Monteira; e As Burgas, en Ourense.

Unha das últimas manifestacións do Rexurdimento, xa no século XX, foi a constitución da Real Academia Galega en 1905.


INICIO DO SÉCULO XX
Constatada unha recuperación do galego como idioma literario, cultural e histórico; asemade patentizado un descenso no nivel de uso oral, a lingua galega non vive aínda unha situación normalizada e iso provoca un retroceso nalgúns medios sociais (clases altas e medias) e en ámbitos xeográficos urbanos.

O contexto socio-político contrasta coa prolífica actividade cultural. A sociedade galega dos comezos do século XX seguía a caracterizarse pola concentración do poder económico en sectores minoritarios, por un sistema agrícola aínda feudal e por unha crecente emigración que ía baleirando o país. A toma de conciencia dos campesiños, fomentada polo seu acceso á propiedade da terra, e unida á evolución do galeguismo cara ao nacionalismo galego, provoca un incremento da utilización da lingua. As Irmandades da Fala foron as primeiras asociacións creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, a primeira Irmandade da Fala fúndase na Coruña en 1916. Séguena outras repartidas polas principais cidades e vilas de Galicia (Ferrol, Ourense, Betanzos, Santiago de Compostela...). Para o espallamento do seu ideario crearon un xornal de expresión totalmente en galego: A Nosa Terra. Os seus membros máis salientables foron Antón Vilar Ponte, Antón Lousada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, etc.

En 1918 celebran a "I Asamblea Nazonalista Galega", que tivo como conclusións a reivindicación da autonomía integral, da oficialización da lingua e da inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra. As Irmandades promoveron a elaboración de dicionarios e gramáticas, estudos lingüísticos e reivindicaron a presenza do galego na administración e no ensino. Déronlle pulo á actividade editorial nas principais cidades galegas: Céltiga en Ferrol, Lar na Coruña, Alborada en Pontevedra, e moitas outras. Neste contexto aparece a Revista Nós, da man de Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido "Grupo Nós". A eles lígase a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
 

 

ANOS 20 E 30
Os membros de "Nós", cunha ampla formación intelectual, actualizan, normalizan e universalizan a lingua e a cultura. A revista contaba coa colaboración de autores estranxeiros (portugueses, irlandeses, cataláns, franceses...), que a poñían en contacto coas correntes europeas, ademais de traducións variadas e artigos tanto de carácter científico (arqueoloxía, etnografía, antropoloxía, socioloxía...)coma literarios.

O emprego do galego en estudos científicos potenciouse coa creación do Seminario de Estudos Galegos (1923), adicado a investigacións sobre a realidade galega e ao estudo de tódalas súas manifestacións. Foi fundado por un grupo de mozos universitarios: Fermín Bouza Brey, Filgueira Valverde, Lois Tobío...

A obra literaria destes intelectuais, que recuperan campos como o ensaio, abrindo novos horizontes, outórgalle á prosa galega un grao de desenvolvemento pleno e integra a nosa cultura no contexto europeo: Arredor de si, Devalar ou Os camiños da vida, de Ramón Otero Pedrayo, e Os europeos en Abrantes e O porco de pé, de Vicente Risco, son títulos que, ao lle incorporar temáticas universalistas, lendarias e exóticas, urbanas e pensamentos filosóficos, dotaron a nosa literatura de novas técnicas de creación que se estaban a desenvolver na literatura europea.

A feble tradición do xénero dramático recibiu un pulo coa creación dende as Irmandades do Conservatorio Nacional de Arte Galega, en 1919, que logo pasa a ser Escola Dramática Galega.

Os movementos europeos de vangarda tamén foron de importancia para  a lírica galega. Os autores da chamada "Xeración do 25" (Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza Brey) demostraron unha grande vontade de orixinalidade creativa que pasa polo enfrontamento aberto coas formas tradicionais de poesía.

Unha mención aparte merece un dos escritores máis coñecidos da nosa literatura Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cunha forte ideoloxía, unha grande capacidade artística e literaria, as súas obras foron de grande importancia para a nosa historia.

En 1931 créase o Partido Galeguista, que consegue a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que a lingua galega adquire por vez primeira o recoñecemento de "idioma oficial de Galicia". Este logro importantísimo non chegou a ter aplicación práctica na realidade por mor do estoupido da Guerra Civil (1936), que supuxo o principio da etapa máis dura para as linguas non oficiais do Estado español.

DO 36 AO 50
O remate da Guerra Civil española e o inicio do franquismo provocou a desaparición da lingua galega da escena pública, do ensino e das actividades socio-económicas. Aqueles que tiveron como única vía o exilio (Castelao, Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Rafael Dieste...) foron quen de manter viva a chama da cultura, do idioma e da identidade de Galicia. O desenvolvemento cultural galego ten agora o seu escenario en Arxentina, Venezuela, México e Cuba, entre outros países.

A situación social do galego viuse agravada coa obrigatoriedade da escolarización no nivel básico exclusivamente en castelán e, posteriormente,o mesmo ocorreu cando se deu a popularización dos medios de comunicación.

O contexto adverso non logrou apagar o espírito do galeguismo, que, timidamente, comeza a manifestarse no ámbito cultural. En 1946-1947 publícanse catro obras de poesía. Pasos decisivos foron a colección de poesía Benito Soto, a editorial Bibliófilos Galegos e o suplemento semanal bilingüe do xornal santiagués “La Noche”.

A peza clave na que se asenta esta recuperación dos usos escritos é a creación da Editorial Galaxia en 1950. Os seus principais promotores, Otero Pedrayo ou F. Fernández del Riego, evidenciaron de novo a validez do idioma galego para calquera xénero ou temática. Galaxia convértese no eixo de diversas publicacións periódicas: Revista de Economía de Galicia, a revista de cultura e arte Atlántida, e a de pensamento Grial (prohibida ó ano seguinte do seu nacemento).

ANOS 60
Nos anos sesenta a produción literaria en Galicia inicia de novo o seu camiño de forma máis sólida. Unha vez máis foi a lírica a encargada de iniciar o renacer literario. Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, en 1962 representa a liña social e cívica caracterizadora da poesía dos anos sesenta.

A partir de 1960 vaise producir un conxunto de cambios no eido económico e social acompañados dunha leve atenuación da censura. Exemplos deste aperturismo foron a posibilidade de publicacións antes prohibidas como Grial, a instauración da celebración por parte da Real Academia Galega do Día das Letras Galegas, a ampliación do mundo editorial, as novas asociacións culturais en defensa do galego: O Facho, O Galo, a Asociación Cultural de Vigo... A Universidade galega non queda á marxe das inquedanzas e toma parte activa coa creación en 1965 da Cátedra de Lingua e Literatura Galegas a cargo de Ricardo Carvalho Calero. Seis anos despois nace o Instituto da Lingua Galega, cunha obra investigadora desenvolvida ata os nosos días.

A narrativa galega sofre un baleiro dende 1936 ata 1951, cando Carvalho Calero publica a súa primeira novela, A xente da Barreira. Entre os anos cincuenta e sesenta tres grandes autores, Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor e Ánxel Fole, desde as súas peculiares formas de narrar, crean unha obra de recoñecida altura universal.

ANOS 70 E 80
A instauración da democracia trala morte de Franco en 1975 permitiu a consolidación dos xéneros anteriores e a apertura de novos horizontes nos distintos campos literarios. Galicia pasou de ser un país produtor de poesía maioritariamente a interesar e implicar a moita máis xente noutros xéneros, que van desde diversos tipos de ensaio (sociolingüístico e literario - Basilio Losada, teolóxico e relixioso -Francisco Pillado, filosófico - Martínez Marzoa, histórico - Ramón Villares...) a libros de crónica política, revistas, ...

En narrativa as tendencias son moi variadas e os autores que se deron a coñecer antes do 75 como María Xosé Queizán, Alfredo Conde, Paco Martín,... únense a narradores Victor Freixanes, Suso de Toro, Manuel Rivas, Fernández Paz,Carlos Casares Mouriño,Ramón Piñeiro... que amplían os diferentes estilos narrativos coa aparición da novela histórica, novela policial, novela erótica, novela realista, etcétera.

Tamén cobraron vital importancia para o proceso normalizador a incursión de edicións infantís e xuvenís.

A poesía tamén se renova. Méndez Ferrín e Arcadio López Casanova marcan coa aparición dos seus poemarios no 1976 a dirección para unha poesía máis rica e aberta a múltiples influencias. Darío Xoan Cabana, Xulio Valcárcel, Manolo Rivas e moitísimos autores contribúen a continuar engrandecendo un xénero asentado desde os inicios da nosa literatura (Idade Media).

O xénero dramático experimentou fondas transformacións na segunda metade do XX. A obra de autores da inmediata posguerra, como Cunqueiro ou Carvalho Calero, convive coa obra dos novos -Manuel María, Manuel Lourenzo...-, que buscan a ruptura formal. Todos eles abren o mundo teatral ás máis novidosas tendencias. É salientable a aparición a finais dos anos 60 e principios dos 70 do fenómeno dos Grupos de Teatro Independente (O Facho, Teatro Circo...). Nestes anos proliferan asociacións que tratan de potenciar o teatro.

No ano 1978, Galicia igual có resto do Estado, volve a contar cunha Constitución democrática que no seu articulado proclama a "vontade de protexer a tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións". Co réxime democrático Galicia convértese en Comunidade Autónoma, tendo como linguas oficiais o galego e o castelán, se ben a Constitución marca o dereito e o deber de coñecer o castelán pero só o dereito de coñecer o galego para os cidadáns galegos.

Á vez que a lexislación reguladora dos usos do idioma, cumpría a elaboración dunha lingua estándar. O Instituto da Lingua Galega, creado en 1971, e a Real Academia Galega propoñen en 1982 as Normas ortográficas e Morfolóxicas do idioma galego, que acadan o carácter de oficiais coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística. A Normativa oficial do galego, que integra en parte algunhas posturas reintegracionistas, é de 2003.


ACTUALIDADE DO GALEGO
A nosa lingua segue a se manter viva e cun elevado número de falantes (máis de 2 millóns de persoas).

O 13 de xuño de 2005, a Unión Europea chegou a proposta da inclusión do gaélico irlandés como nova lingua oficial e de traballo da Unión (a 21ª) e do galego (xunto co catalán e euskera) como lingua non-oficial, mais oficiosa (de uso para comunicacións oficiais e de traballo) da Unión Europea. Este é un paso moi importante para a pervivenza do galego no século XXI.
 
Respecto á súa situación sociolingüística comezaremos falando do galego nos medios de comunicación:

A sociedade galega, ao igual que a maior parte das sociedades occidentais, fai un consumo masivo dos tradicionais medios de comunicación audiovisuais que están presentes na maioría dos fogares galegos: a radio e a TV.

A radio é escoitada diariamente polo 66% da poboación e a TV é utilizada como medio de comunicación cotiá polo 92%. Os medios escritos son usados de xeito máis reducido: un 48% le o xornal todos os días e un 25% é afeccionado á lectura diaria de libros.

As novas tecnoloxías aínda están pouco espalladas entre a poboación, cun nivel de penetración moi baixo. A cota de consumo diaria acada o 10%, mentres que sete de cada dez galegos nunca navega por internet. Por último, cómpre indicar que un 6% dos galegos vai ao cine unha ou máis veces por semana.

Na Galicia actual, o consumidor pode optar por medios de comunicación en galego ou en castelán. Con todo e como é ben sabido, esta elección é só
parcialmente realista dada a desigual distribución de medios, tanto cuantitativa coma cualitativamente. Sirva só de exemplo o que acontece na prensa escrita diaria; mentres que en galego o número é incomparable (un exemplo é Galicia-Hoxe), en castelán podemos elixir entre varias ducias. Unha distribución semellante dáse nos medios audiovisuais.

Nunha realidade como a descrita, é salientábel que un 61% da poboación galega utilice diariamente a TVG como medio de comunicación. Dado que non estamos ante opcións excluíntes, hai que ser prudentes á hora de concluír que a TVG é a canle máis seguida polos telespectadores galegos. Con todo, hai un dato adicional que permite ir nesa dirección: para a maioría dos galegos a TVG é a canle preferida, seguida de TVE1, de Tele 5 e de Antena 3. O resto das canles, incluídas as televisións locais, comarcais, e plataformas, a penas son as preferidas para os galegos.

Escoitar a radio en galego é unha actividade que realiza a diario unha de cada tres persoas. Nos medios escritos, no cine e en internet os datos son máis desalentadores. A raquítica presenza de xornais escritos en galego, fai que sexa moi pouco probable o recurso a esta lingua para a lectura diaria. Algo semellante pódese dicir a propósito do cine. Son moi escasas as posibilidades que un galego ten de asistir á proxección dunha película dobrada a súa lingua. Xa que logo, ver unha película en galego é un acontecemento extraordinario. O usuario habitual de internet tampouco acostuma utilizar esta lingua na súa práctica.

Para avaliar a situación do galego nos medios de comunicación, e sobre todo para facer unha análise prospectiva sobre o futuro desta lingua no sector, cómpre unha análise pormenorizada das actitudes dos consumidores ante esta realidade.

    O resultado da enquisa pon en evidencia que os consumidores galegos son moi conscientes da minorización que a lingua galega ten nos medios de comunicación distribuídos na nosa comunidade. De feito, establécense dous grupos moi claros nas variables que inciden na dimensión cognitiva das actitudes. Por un lado, están aqueles medios nos que unha maioría considera que o galego ten unha presenza moi cativa, como son o cine (81%), os semanarios (78%), internet (73%), e os xornais (66%) e por outra están aqueles medios nos que os entrevistados consideran que a presenza de galego é adecuada: TV (70%) e radio (68%). Finalmente, no caso da publicidade hai unha polaridade moi nidia, cun 50% que opina que é adecuada e o outro 50% que é escasa.


MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Un 61% da poboación galega utiliza diariamente a TVG e unha de cada
tres persoas escoitan diariamente a radio en galego.

Nos medios escritos, no cine e en internet, os datos son diferentes. A escasa presenza de xornais escritos en galego fai que sexa moi pouco
probable o recurso a esta lingua para a lectura diaria. Algo semellante
pódese dicir a propósito do cine e de internet

As maiores distancias entre a cota de penetración dun determinado medio de comunicación e o seu consumo en galego dáse na lectura de semanarios e de libros. Mentres que un 40% dos galegos le semanarios, tan só o fai en galego un 2%; e respecto da lectura de libros, as porcentaxes son 47% para lectores mensuais e 10% para os que o fan de libros en galego.

O lector habitual de prensa reclama unha maior presenza do galego nos xornais actualmente existentes. Un 60% considera que debería aumentar o galego tanto nas seccións informativas como nas de opinión.

Cando se pregunta pola lingua dun hipotético novo xornal que se pretendese editar en Galicia, a maioría da poboación –o 51%– preferiría o galego, un 33% optaría por un xornal cunha presenza similar das dúas linguas, e o 11% preferiría que o castelán tivese máis presenza. A maior demanda do galego para un novo xornal dáse entre a poboación menor de 40 anos, con estudos medios ou superiores e falante habitual de galego ou bilingüe con predominio desta lingua.



ADMINISTRACIÓN EN GALICIA

O afianzamento dunha Administración propia, asentada na autonomía política de Galicia, leva Ao emprego do galego como idioma de comunicación cos individuos e cos diferentes sectores sociais, económicos, políticos e culturais que conforman o país ó que pertence.

A Administración Autonómica está obrigada a potencia-la extensión e o uso do galego non só por mandato legal, senón tamén por se-la lingua propia do país que goberna e ser, coas outras administracións, un referente de prestixio.

A actividade dinamizadora e de sensibilización do uso do galego en tódolos niveis da vida pública canalízase a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para complementa-lo seu labor, no ano 1990 constituíuse a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, que ten como finalidade coordinar e impulsa-las actuacións das diferentes Consellerías neste ámbito.

As actuacións normalizadoras nas diferentes Administracións concretáronse, nunha primeira andaina, na formación do funcionariado a través de cursos de iniciación e perfeccionamento promovidos pola DXPL, os cales tiñan como fin atinxi-lo dominio oral e escrito da nosa lingua para poder atender e informar ós cidadáns en galego.

A difusión e a normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e a colaboración na fixación da linguaxe técnica, xurídica e administrativa galega son os obxectivos que enmarcan o nacemento da Escola Galega de Administración Pública.

A EGAP imparte cursos básicos e de especialización de galego e cursos de linguaxe administrativa e xurídica destinados a tódolos funcionarios de calquera administración galega. Desde o ano 1993 conta no seu organigrama cunha sección específica de Linguaxe Administrativa galega.

Esta labor formativa propiciada dende a Administración autonómica, complementouse con diferentes actuacións (publicación de formularios, impresos, cartas e circulares; rotulación de dependencias; elaboración de vocabularios, etcétera) e campañas de sensibilización dirixidas especificamente ó funcionariado das diferentes Administracións.

Os cidadáns teñen na institución municipal a administración máis achegada e, xa que logo, un contacto lingüístico directo, tanto oral coma escrito. De aí a importancia da tarefa normalizadora desde a Administración Local. Varios concellos -Redondela, Fene, Vigo, Santiago, Moaña, Allariz, Cervo, Vilalba, Cangas, Pontedeume e outros- constituíron un Servizo de Normalización Lingüística, que conta polo menos con un especialista en lingua galega, subvencionados parcialmente nalgúns destes casos polo Goberno Autónomo ou financiados exclusivamente polo concello respectivo. As funcións que deben realizar desde o concello establécense a dous niveis: un interno, coa normalización de formularios e impresos, confección de actas, editos, convocatorias,... en galego; e outro externo, ofrecendo ó publico asesoramento lingüístico e garantindo a presenza da lingua galega en tódalas actividades municipais de carácter público, necesaria para obte-la asunción do compromiso idiomático por parte da veciñanza.

Os Servizos de Normalización Lingüística das Deputacións Provincias reflicten a súa preocupación polo proceso lingüístico. Os primeiros pasos normalizadores déronos a través da súa oferta cultural, deportiva e de actividades de lecer.

Na Administración de Xustiza creáronse tamén Gabinetes de Normalización no Tribunal Superior e nas Audiencias de Pontevedra, Lugo e Ourense.

Mención á parte merece o labor desenvolvido por organizacións en defensa do noso idioma coma a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística ou A Mesa pola Normalización Lingüística, que non só protagonizan importantísimas campañas de sensibilización entre o funcionariado, senón que dinamizan o proceso normalizador ó formularen e propoñeren diferentes alternativas para avanzar no mesmo.

LEXISLACIÓN
Tras a morte de Franco, España viviu un proceso de reforma legal; creándose leis para a recuperación do galego.

No ano 1978, Galicia, igual có resto do Estado, volve contar cunha Constitución democrática que no seu articulado proclama a "vontade de protexer tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións"

O 21 de Setembro de 2004 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega, que entrou en vigor o 24 de xaneiro de 2005, e que presenta obxectivos e medidas en diferentes campos de actuación (administración, educación, medios de comunicación, economía, sociedade, sanidade e proxección exterior).

O 13 de xuño de 2005, a Unión Europea chegou á proposta (de próxima aprobación, sen debate, polos ministros de Asuntos Exteriores da Unión) da inclusión do gaélico irlandés como nova lingua oficial e de traballo da Unión (a 21ª) e do galego (xunto co catalán e euskera en España) como lingua non-oficial mais oficiosa (de uso para comunicacións oficiais e de traballo) da Unión Europea, sempre que o Estado correspondente asuma os gastos e emita un preaviso aos demais membros asistentes á reunión. Este é un paso moi importante para a pervivencia do galego no século XXI.

En 2007 o Parlamento Galego aprobou un decreto que garantía chegar ao mínimo dun 50% de ensino en galego (escola infantil, educación primaria, E.S.O., Bacharelato, Formación profesional e EPA); ademais tamén xurdiu a necesidade de crear Galescolas, isto é, escolas infantís onde se empregue a lingua do país como vehicular.

Co cambio de goberno en 2009, o PPdeG rachou o consenso arredor da lingua e da necesidade de promoción do galego, e a finais dese mesmo ano presentou un borrador chamado do plurilingüismo no que rebaixaba a cota de galego dun mínimo de 50% a un 33% teórico, sendo os outros dous terzos a partes iguais para castelán e inglés. Por este motivo, apareceron diversas asociacións cidadás en defensa da lingua propia de Galicia, por exemplo ProLingua ou Convers-ando así como tamén se organizaron varias manifestacións convocadas pola plataforma Queremos Galego!, secundadas por unha maioría de sindicatos, profesorado, nais e pais, estudantado, pola propia Mesa pola Normalización Lingüística e mais por representantes dos partidos da oposición, entre outras moitas organizacións. En definitiva, o rexeitamento público das bases do decreto correspondeu á práctica totalidade dos axentes educativos (coma o Consello Escolar), sindicatos e mais polas dúas máximas autoridades en cuestión de lingua: a RAG e mais o CCG.