linguas do mundo

 

As linguas son, en principio, ferramentas das persoas para relacionarse e expresar ideas, emocións, sabedoría, recordos e valores. As linguas son tamén os vehículos primordiais das expresións culturais e do patrimonio cultural intanxible, esencial para a identidade de persoas e grupos.

 

Unha lingua ameazadaé aquela que se considera en perigo de desaparecer a medio prazo. Algunhas causas, segundo a Wikipedia, son

  • Que os fillos de falantes da lingua sexan educados noutra lingua , ou ben abandonen pasada a infancia a lingua materna.

  • Que os pais dos novos individuos consideren mellor para o futuro dos seus fillos a súa aprendizaxe noutra lingua de maior prestixio social. Isto dá en dúas xeracións unha situación de lingua ameazada.

     

Un factor importante que provoca as ameazas a linguas é a globalización do planeta. Un exemplo de lingua ameazada é o occitano.

 

Chámase lingua mortaa aquela que non é lingua materna de ninguén. Algunhas linguas mortas continúan a existir en certos usos, pero non teñen a evolución axeitada para considerarse vivas. O latín, por exemplo, é unha lingua morta a pesares de que moita xente é quen de falalo, escribilo ou entendelo. Existe polo menos unha lingua considerada antes morta, pero con usos en certos eidos, que reviviu tras moitos anos debido a busca por parte do estado israelí dunha lingua común inexistente a toda a poboación: o hebreo.

 

A UNESCO (Organización da Cultura, da ciencia e da educación das Nacións Unidas) ten por finalidade acadar a paz, a erradicación da pobreza, o desenvolvemento sostible e o diálogo entre as diferentes culturas e formas de vida. Para iso emprega a educación, as ciencias, a comunicación e a cultura (na que se insiren as inguas). O organismo orienta ás comunidades de cara ao desenvolvemento sostible tentando manter tamén a identidade e cultura propias de cada comunidade.

A Declaración Universal da UNESCO sobre a diversidade cultural, do 2001, redactouse co propósito de preservar a diversidade cultural. Nese texto atopamos as seguintes ideas: A diversidade cultural é para o organismo un patrimonio común da humanidade tan necesario para as persoas como a diversidade biolóxica para a vida. Se é agredida a cultura dunha persoa, tamén o é a súa dignidade. Polo tanto, e sendo coherentes coa declaración dos dereitos humanos, toda persoa debe poder expresarse, crear e difundir as súas obras na lingua que desexe e, en particular, na súa lingua materna; e ten dereito tamén a unha educación e unha formación de calidade que respecte plenamente a súa identidade cultural.

No 2008 houbo unha conferencia internacional da UNESCO chamada “Globalization and Languages – Building on our Rich Heritage” (Globalización e linguas – Desenvolvendo o noso enriquecido patrimonio cultural), na que participaron 30 especialistas internacionais que traballan pola salvagarda da diversidade lingüística na Terra, coma o reitor da universidade das nacións unidas e o director xeral da UNESCO. Dese evento extraéronse conclusións sobre linguas que consideramos importantes: “A diversidade lingüística é inseparable da diversidade cultural. É a través da lingua como a xente constrúe, comprende e expresa as súas emocións, as súas intencións, os seus valores e as súas concepcións do mundo” […] “A lingua axuda a formar a identidade individual e colectiva”. A partires dunha concepción global das linguas, O Director Xeral da UNESCO ata 2009 (Mr. Matsuura) animou ás comunidades lingüísticas a que utilicen a súa lingua materna tan a miúdo e en tantos contextos como sexa posible (incluíndo educación e administración), xa que manter a diversidade lingüística, como xa mencionamos antes, é manter a diversidade cultural que o seu programa pretende. Acadar esta fin e conseguir que tódalas linguas teñan o seu lugar neste mundo globalizado só é posible, segundo o director, se o multilingüismo é completamente aceptado coma un ben de incalculable valor.

 

Unha vez claras as ideas xerais do importante da lingua para a persoa, pasemos a informar sobre a actualidade das linguas no mundo:

 

Segundo o artigo “Linguas en perigo”, editado pola UNESCO, actualmente fálanse unhas 6700 linguas no mundo (aínda que outras fontes indican un número que pasa de 8000). Destas linguas o 90% non aparecen en internet; cada dúas semanas unha morre; e está estimado que a metade das linguas están en perigo de desaparición para antes da fin de século.

 

Pensando en evitar isto, o organismo creou un programa para as linguas en perigo (Endangered Languages Programme), que pretende promover a cooperación internacional para así solucionar o que consideran un grave problema. Para a organización o proceso de desertización cultural só pode verse enlentecido se os gobernos, e tamén os cidadáns (como comunidade lingüística) realizan accións urxentes, e para informar aos mesmos da situación de cada lingua, o programa creou o Atlas Virtual das Linguas en Perigo, no que aparecen gran cantidade das linguas do mundo e a súa situación.

 

As 6700 linguas existentes están distribuídas de xeitomoi irregular. Un caso moi claro é o monolingüísmo de Islandia ou as Maldivas comparado coas máis de 800 linguas diferentes de Papúa-Nueva Guinea (o país con máis linguas debido ás miles de tribos que o habitan) ou coas 700 de Indonesia.

 

Estímase que a metade dos idiomas do mundo fálanse en tan só 8 países e que aproximadamente un 30% do total existen só no continente africano (unhas 2000). Destas 2000 as predominantes son as linguas das antigas ditaduras coloniais (europeas). Por outra banda Asia posúe un 33% das linguas (máis de 2100) e é Europa,cun 3% do total, o continente con menos diversidade lingüística (algo máis de 200 linguas, das que 56 só se falan en Rusia). Por último citamos o extraordinario caso de Oceanía, que posúe 1300 linguas para tan só 30 millóns de habitantes

 

O principal idioma materno no mundo actual é con diferenza o chinés mandarín, con 885 millóns de falantes, seguido polo inglés con 445 millóns. O portugués, un dos máis achegados ao galego, é a 5ª lingua máis falada (principalmente en Brasil e Portugal), con 175 millóns.