medios de comunicación

A sociedade galega, ao igual que a maior parte das sociedades occidentais, fai

un consumo masivo dos tradicionais medios de comunicacións audiovisuais que

están presentes na maioría dos fogares galegos: a televisión, a prensa, a radio, a internet e a publicidade.

 

A televisión é un medio que emprega imaxes e tamén sons para transmitir a información. Esta información é obtida mediante unha cámara ou outro medio de gravación audiovisual, despois é transmitida vía satélite, e recibida mediante un dispositivo adecuado (unha televisión). Tamén pode ser recibida mediante a internet. A televisión é o medio máis utilizado en galego pola xente. Isto pode ser debido a que son os máis antigos e os mais fiables. Pero tampouco podemos desprezar aos outros medios, que dalgunha maneira apórtannos a información da mesma maneira.

 

A prensa emprega texto escrito con ilustracións para complementar a información reflectida. A prensa é creada por unha serie de persoas que se encargan de escribir nun xornal ou revista, que mostra toda a información obtida por eles. É o segundo medio máis utilizado en galego.

 

A radio emprega unicamente sons, que son transmitidos mediante ondas de radio de baixa frecuencia, que poden ser sintonizadas mediante un dispositivo analóxico, a diferenza da televisión, que precisa dun decodificador TDT, xa que o sinal emitido é dixital.

Na radio tamén podes escoitar unha ampla variedade de produción musical, tanto nacional coma internacional, pero a produción e reprodución desta en galego é moi escasa.

A internet ofrece unha ampla gama de formatos a través dos cales a información pode ser consultada de maneira rápida, fiable e de actualidade case instantánea en calquera parte do globo terráqueo. A internet contén tanto sons coma texto, fotos e videos que aportan unha imaxe completamente representativa e moderna, o que facilita o entendemento por parte da xente. Na internet, podemos atopar unha ampla variedade de información accesible por toda a poboación que teña internet nos seus ordenadores. Non só podemos atopar información de maneira escrita, senón que tamén podemos consultar vídeos ou fotos referentes a determinadas novas. Tamén podemos comentar e dar a nosa opinión destas. A internet na actualidade é o medio máis empregado pola xente nova, aínda que moi pouco en galego. Pero pouco a pouco vanse creando novas ferramentas en galego, como por exemplo “jujel”, que é un experimento en cooperación con Google Inc.

 

A publicidade é un factor económico moi importante nos medios de comunicación, isto é debido a que os orzamentos das empresas de televisión privadas son obtidos a partir da publicidade. Canta máis audiencia teña unha determinada cadea televisiva, máis caros serán os anuncios que se emitirán nos seus programas e viceversa. A publicidade avanzou moito grazas ás novas tecnoloxías, xa que podemos atopar anuncios dunha calidade moi superior a anos anteriores, aínda que o que estean anunciando sexa simplemente unha chocolatina, etc.

 

O GALEGO NA TELEVISIÓN

 

Despois de case un ano de obras na creación de novas redes de reemisores, na véspera do Día de Galicia no ano 1985, a TVG iniciou a súa primeira emisión cun curtametraxe chamada “Mamasunción” de Chano Piñeiro. Os locutores desta primeira emisión foron Dolores Bouzón, Xosé Ramón Gayoso, xunto a Xosé Manuel Maseda. Aínda que a súa programación regular de 39 horas a semana, comezou o 29 de septembro do 1985, pero na actualidade emite 168 horas a semana e o 80% da súa producción é propia.

 

Esta canle pública naceu da Compañía Radio-Televisión de Galicia creada pola lei 9/1984 o 11 de xullo de 1984, co principal obxectivo de ofrecerlle a poboación galega uns novos medios de comunicación completamente en galego. O consello asesor desta compañía está composta por uns vogais que pertencen a servizos públicos como as universidades, o parlamento ou o Consello Cultural de Galicia, todos estes vogais elixirán a un director xeral que será o responsable executivo da CRTVG.

 

A presenza do galego nos medios audiovisuais está limitada ás emisións da Televisión de Galicia e a unha porcentaxe reducida de televisións (52,94%) e radios locais (26,66% monolingües en castelán; 13,33% bilingües). As emisoras privadas non realizan practicamente ningunha desconexión en galego e no caso da produción galega das emisoras públicas a presenza do galego é mínima e inferior ó resto do emprego doutras linguas do Estado.

 

A TVG é un dos membros que forma parte da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos “FORTA” esta asociación composta por todos os medios públicos de radio e televisión das comunidades autónomas, foi fundada o 5 de abril do 1989.

As instalacións desta cadea están situadas en San Marcos, as aforas de Santiago de Compostela.

 

A televisión de Galicia é unha das cadeas autonómicas con maior éxito de audiencia en España, superando a outras como Telemadrid ou Canal Sur. As súas series propias máis destacadas son “Pratos combinados” (1995-2006), “Mareas vivas” (1998-2002), “Libro de familia” (2005) e “Padre Casares” (2007). Algunhas das series foron retransmitidas en Telemadrid, emitidas dobradas ao castelán.

 

Prové unha gran cobertura, que permite a extensión das emisións varios quilómetros arredor da comunidade autónoma, ademais existen outras canles coma TVG-América que comezou a emitirse por primeira vez no ano 1997, ou TVG-Europa que é emitida no ano 1999 a través de Eutelsat, empresa dedicada as telecomunicacións utilizando satélites. A última nova canle posta en acción pola CRTVG foi a TVG2 no 2009 tamén coñecida como G2, esta e transmitida pola Televisión Dixital Terrestre (TDT)

 

O GALEGO NA PRENSA

 

Só o 3,69% das páxinas de información dos xornais galegos están escritas no idioma propio. Este dato deixa fóra as páxinas de opinión, nas que a tendencia varía substancialmente dependendo do xornal do que se trate. Ademais, tampouco ten en conta para esa media a Galicia Hoxe, o único diario publicado integramente en galego, xa que engrosaría a cifra até un 10,52%, resultando esta pouco fiel á realidade. O 96% dos xornalistas que traballan en Galiza sabe falar en galego, e o 87,3% saben escribilo. Ademais, é a lingua habitual do 49,7% dos profesionais da comunicación, e son aínda máis os xornalistas que declaran falar galego (o 76,1%) aínda que adoiten empregar o castelán de xeito cotián. Esta cifra corresponde a un proceso de “valorización” do galego, asociado en certos sectores, segundo o estudo que se manexa, a modernidade e progresismo.

 

Por que non se usa o galego?

 

Unha das liñas xerais que rexen o exercicio da profesión xornalística e a produción de contidos para os medios é a desnormativización a nivel interno das empresas de comunicación. En teoría son os libros de estilo os encargados de pautar as características básicas de cada tipo de información producida nos medios, e, dese xeito, trazar as liñas mestras do exercicio da profesión de cada xornalista, pero, na práctica, todo funciona doutra maneira. En Galiza son moi escasos os medios que contan cun libro de estilo, e a súa situación é similar á do resto de medios que non o teñen. A falta de normativización, dunha comunicación interna fluída e clara, fai que sexan outras as vías de transmisión da “cultura” dos medios, dos parámetros de funcionamento profesional e do xeito de transmitir e interpretar a realidade segundo cada medio. As “pautas” de cada medio para o uso do idioma son un claro exemplo desta situación. As declaracións tomadas a diferentes profesionais que exercen a súa profesión en todo tipo de medios e soportes amosan dúas vías explicativas con respecto ó uso (ou “desuso”) do galego nos medios. Por unha banda, a prohibición directa do uso escrito do galego, con dúas vertentes; mediante o aviso dos superiores (o que, cando menos, reflicte unha certa “honestidade” en canto á política do medio), ou mediante a recomendación de compañeiros da redacción. Reprodúcense declaracións de xornalistas que teñen padecido esta situación:

 

-“En canto cheguei á redacción e preguntei á miña xefa se podía escribir en galego, e díxome que se estaba de broma, que aquilo era a sección de economía.”

-“Ao principio redactaba en galego cada noticia, que despois me mandaban traducir, até que me dixeron varios compañeiros que o galego só ía en cultura, e non en todas as noticias.”

-“En principio podes escribir todo o que queiras pero despois danche o toque.”

 

Por outra banda, no informe que se manexa sinálase máis ben á asunción e asimilación de rutinas non escritas por parte dos xornalistas. A dirección do medio non explica en ningún momento que se deba escribir preferentemente en castelán, pero fai recomendacións do estilo da que segue:

-“A primeira vez que me limitaron algo foi cando tiven que facer de correspondente en Sanxenxo, porque o criterio foi o das vendas. Como en Sanxenxo no verán hai máis madrileños que galegos tiña que ir en castelán. Sobre todo se abría a sección ou se o tema era a praia.”

 

Ante a incerteza, o xornalista limítase (pese a non ter recibido ordes ao respecto) e asume tendencias rutineiras que consolidan o patrón habitual nos medios de comunicación (nomeadamente nos impresos):

 

-“Autolimítaste porque non sabes onde está ese límite.”

-“Se eu escribía un texto en galego, o resto escribíao en castelán, para manter o equilibrio.”

 

Esta tendencia reflicte a presión que os xornalistas sofren, en igualdade de condicións con calquera outro traballador, por conservar o posto de traballo. A necesidade de pelexar polo emprego nun marco laboral altamente competitivo e no que abunda o paro provoca que o profesional se decante pola autocensura para evitar o seu despedimento. O problema é que esa loita polo traballo realízase en detrimento, ao se autocensurar, da liberdade de expresión e de información, así como do dereito da poboación a recibir información veraz; nunha situación provocada por unha engrenaxe de normas non escritas que parten, sempre, das xerarquías máis altas.

 

Os motivos que levan aos xornalistas a empregar case uniformemente o castelán son, pois, moitos e variados. Desde a prohibición directa antes sinalada, á asunción de rutinas, pasando por outros factores que son, en realidade, diferentes manifestacións das liñas xerais dos anteriores.

 

Este razoamento vai tamén unido á situación diglósica que se dá en Galiza, orixinada polas compoñentes do autoodio con respecto á lingua propia e da consideración do castelán como a lingua de prestixio social, creándose unha verdadeira espiral que toca tamén ás fontes, outro dos motivos máis salientables con respecto ó uso prioritario do castelán por parte dos informadores.

 

Por que se emprega o castelán?

 

Así, as explicacións sobre o predominio do castelán nos medios son similares ás da falta de galego. O costume, a asunción de rutinas, a simple obriga, o autoodio ou o feito de que as declaracións tomadas ás fontes informativas estean en castelán son algúns dos motivos que explican que os xornalistas deixen de empregar o galego nos medios. Mais hai moitas outras razóns que competen ós medios e ás persoas que dirixen o seu funcionamento. Un dos motivos que explican esta situación é o feito de, sociolingüisticamente, o castelán é a lingua de prestixio fronte ao galego, asociada á incultura e á falta de poder social e económico. Se hai dúas linguas e unha delas é a de prestixio, esta última terá unha maior credibilidade, que se transmitirá de forma subxectiva en cada información, dándolle, pois, máis contundencia a cada información nese idioma, e máis credibilidade ao medio canto máis use esa lingua de poder.

 

Sucédense, tamén, unha serie de argumentos construídos no imaxinario colectivo, baseados en prexuízos e dificilmente sustentables con datos. Un deses factores é o criterio económico, consecuencia do punto anterior referido á sociolingüística. Considérase que a prensa en galego non vende, co que non é unha actividade empresarial rendible. Sen embargo hai profesionais que din que sempre se di que a prensa en galego non vende, aínda que é un pouco contraditorio que argumenten que a prensa en galego non vende cando nunca houbo prensa de masas en galego.

 

Outro deses argumentos é o que afirma que o público non entende o galego escrito, e rexeitaría a presenza deste nos medios. Este argumento só é aplicable á prensa escrita, en tanto que se refire á lectura do galego e en tanto que, en referencia aos audiovisuais, ficaría automaticamente desbotado tento en conta que a maior parte da poboación galega é galego falante. Sen embargo, o 68,66% da poboación sabe ler en galego, e o 57,64% sabe escribilo.

Son porcentaxes que aumentan cada día tendo en conta que as novas xeracións son alfabetizadas en galego.

 

A consideración de que non hai quen saiba escribir en galego nas redaccións é outro dos argumentos baseados en preconceitos. O 100% dos xornalistas que exercen a profesión en Galiza entende o galego. O 96% sabe falalo, e o 92% sabe lelo. Un 83% dos xornalistas saben escribilo, e este dato aumenta a medida que aumenta o número de licenciados en xornalismo.

 

Outros factores que poden decantar que un medio use preferentemente o castelán son, por exemplo, unha liña editorial de marcada tendencia españolista; un predominio de xornalistas de ideoloxía coincidente, ou de procedencia allea a Galiza; profesionais de maior idade (é dicir, afeitos desde o franquismo a redactar os seus textos en castelán); a inclusión de un bo número de noticias de axencia, das cales a maioría da produción chega en castelán por tratarse de axencias de carácter estatal ou mesmo transnacional, etc…

 

Para facer fronte ao problema da falta de superficie de redacción en galego, a política da Xunta de Galicia até o momento ten sido a asignación de subvencións aos medios de comunicación a cambio da inclusión de determinadas cotas de información en galego. A Dirección Xeral de Política Lingüística asignou en 2003 unha partida de 8.734.509 euros á promoción do galego. Aos medios de comunicación foron dirixidas un total de 23 axudas, pero por valor de 6.400.000 euros. Son o 1,2% das axudas ao uso do galego (o resto van dirixidas a empresas, editoriais, centros de formación, concellos, asociacións sen ánimo de lucro, etc.), pero concentran o 73,26% dos cartos que a Xunta adicou nesa partida.

 

As solucións para inverter a tendencia do reparto lingüístico nos medios de comunicación pasan por múltiples factores, e, desde logo, de forma imprescindible, por unha mudanza na estratexia das subvencións. Se axudas de política lingüística se limitaran a aqueles medios que publican integramente en galego, moitas empresas de comunicación se reformularían o seu futuro.

 

Outra posibilidade a nivel máis tanxible sería a de impoñer porcentaxes por superficie de redacción, importancia das informacións, e sección. Desde logo, non é o mesmo unha noticia de portada que un breve no interior. Tampouco é o mesmo que unha noticia sobre unha escritora galega se publique no seu idioma, que que se faga o mesmo cunha información sobre a guerra en Iraq, ou sobre unha vitoria deportiva na liga de fútbol española ou nun campionato olímpico. Para impoñer cotas sería moi importante valorizar cuantitativa e cualitativamente as noticias a subvencionar. Tamén sería importante que se castigue aos medios que incumpran as cotas de uso do galego, ou que se premie aos que as exceden. Todas estas reformas, e outras, implicarían cambios na percepción social e cultural, interna e externa aos medios, do uso do galego dos medios. É, desde logo, urxente, un cambio no regulamento e na visión xeral que haxa detrás desas mudanzas lexislativas.

 

Só dese xeito se poderá normalizar unha situación lingüística anómala, a de unha lingua minorizada como o galego, antes de que chegue a ser tamén minoritaria.

 

 

O GALEGO NA RADIO

 

 

Radiotelevisión de Galicia, S.A., ou como é coñecida "Radio Galega", iniciou as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día do aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro. O 29 de marzo de 1985 comeza a emitir as 24 horas do día en galego. A súa programación abrangue todos os aspectos da sociedade galega, como son informativos, magazines, deportes, cultura, música, programas especiais ou emigración. Estes espazos permiten ó oínte ter información de actualidade de Galicia, de España e do mundo.

A Radio Galega é unha empresa pública e o seu orzamento provén de subvencións da Xunta de Galicia, previo acordo entre a CRTVG e o Parlamento de Galicia.

 

Ademais de todo o territorio galego, o sinal da Radio Galega abrangue amplas zonas de Asturias, León, Zamora e do norte de Portugal.

 

A forte emigración de Galicia causou que se creara o Servizo de Radio Exterior, unha iniciativa que tamén fixeron outras radios autonómicas de España, que se iniciou o 7 de outubro de 1992. Emite programas en lingua galega en 20 emisoras de nove países.

A Radio Galega regularizou as súas emisións cara a Europa polo Eutelsat o 29 de xaneiro de 1999.

A Radio Galega iniciou as súas emisións regulares cara a América polo satélite Hispasat o 22 de febreiro de 1999.

A segunda enquisa do EGM da temporada 2002-2003 sitúa á Radio Galega como a segunda emisora máis escoitada de Galicia, cunha media de 142.000 oíntes diarios

 

 

Outras radios locais

 

Ademais da Radio Galega, hai outras radios municipais, como son:

-Radio Allariz

-Radio Arteixo

-Radio Arzúa

-Radio Boqueixón

-Radio Culleredo

-EMUGA

-Radio Estrada

-Radio Eume

-Radio Fene

-Radio Maceda

-Radio Melide

-Radio Negreira

-Radio Neria

-Radio Municipal de Nigrán

-Radio Oleiros

-Radio Ordes

-Radio Quiroga

-Radio Redondela

-Radio Sada

-Radio Salnés

-Canal Tea

-Radio Municipal de Tui

-Radio Valadouro

 

Destas radios municipais, non todas fan as súas emisións en galego.

 

Sempre en Galiza

 

Sempre en Galicia é un programa de radio en lingua galega realizado en Uruguai, emitido por Radio Oriental os domingos das 9:00 ás 10:00 da mañá. A primeira transmisión realizouse o 3 de setembro de 1950 e durante moitos anos foi o único programa realizado en galego.

 

Nace por iniciativa de oito galegos residentes en Uruguai: Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita, Manuel Leiras e Alfredo Somoza. A continuidade e o grao de implicación dos seus promotores sería desigual. Colaborarán nela persoas como Marisa Barrio, Cristina Samuelle ou Iolanda Díaz Gallego.

 

 

 

O GALEGO EN INTERNET

 

O tamaño da Web en lingua galega

 

En primeiro lugar, imos tentar describir en qué situación se atopa a lingua galega no ciberimperio anglófono de Internet. Existen dous problemas moi serios que impiden medir con exactitude cal é o espazo real que ocupa a lingua galega en Internet, mesmo se nos limitamos a sitios e páxinas que conforman o sector da Internet bautizado como World Wide Web. O principal problema é que o tamaño mesmo da World Wide Web é descoñecido. Así, mentres que o número total de páxinas web en xullo de 2000 era de 2.100 millóns de páxinas, cun crecemento aproximado de 7 millóns de páxinas novas ó día; tamén existe unha Web invisible que contén uns 550.000 millóns de páxinas e que é unhas 500 veces maior cá Web visible (é dicir, có sector da Web detectado polos buscadores de Internet) que se sitúa por riba dos 1.000 millóns de páxinas. O segundo gran problema (relacionado co primeiro, aínda que distinto) é que tamén é descoñecido o número de páxinas web redactadas en galego. Por un lado, non todas as páxinas en galego están nos buscadores de Internet, de xeito que a súa localización pode non ser doada, formando parte da Web invisible mencionada. Por outro lado, atópanse en graves dificultades para determinar sempre de maneira acertada cando unha páxina web está redactada principalmente en galego, o que fai que a súa catalogación automatizada por idiomas (por parte daqueles buscadores que dispoñan desta opción e incorporen o galego) non estea exenta de erros.

 

Coa intención de paliar estas limitacións, o método utilizado neste traballo para observar a situación do galego en Internet consistiu en extraer os datos relativos ó tamaño da Web e ó número de páxinas por lingua dun mesmo buscador. Neste caso será Alltheweb xa que é o único buscador internacional que inclúe o galego entre as súas linguas de busca.

 

A listaxe 1 do anexo recolle o número de páxinas por lingua indexadas en Alltheweb. A lingua con maior número de páxinas é, como era de agardar, o inglés, que conta con 60% do total das páxinas. A continuación, as dúas linguas con máis páxinas despois do inglés son o alemán (7%) e o xaponés (preto do 6%), dúas linguas representantes de dúas grandes potencias económicas mundiais. Tras elas, cunha porcentaxe de entre o 2 e o 3’6%, aparecen o chinés (3’6%), o francés (3’3%), o coreano (2’7%), o ruso (2’6%), o castelán (2’2%) e o italiano (2%), todas elas linguas cun elevado número de falantes e faladas en estados con certo poder político e económico no mundo actual. A seguir, cunha porcentaxe de entre 1 e 1’7%, sitúanse o portugués (1’7%), o neerlandés (1’5%) e o polaco (1%). E, para rematar o grupo de linguas que van á cabeza, con máis de 3 millóns de páxinas por lingua, resulta interesante sinalar que, entre 0’4 e 0’9%, están agrupadas outras tres linguas xermánicas11, o sueco (0’9%), o dinamarqués (0’6%) e o noruegués (preto do 0’5%), a carón do checo (0’8%) e do finés (0’4%). O galego aparece no posto trixésimo sétimo, con 98.998 páxinas e o 0’014% das páxinas da arañeira, inmediatamente seguido polo euskara (0’011%).

 

 

 

Páxinas por falante do mundo

 

O número de páxinas na web constitúe un índice significativo da presencia dunha lingua en Internet. Con todo, a relevancia deste índice é moito maior cando se combina co tamaño da poboación falante de cada lingua. De novo, atopámonos diante dun problema metodolóxico de difícil resolución, xa que o número exacto de falantes de cada lingua é un dato obxectivamente descoñecido, e científica e socialmente controvertible. A solución adoptada para paliar o problema foi incorporar este dato no estudio seguindo un único criterio e, tendo en conta a súa difusión e consideración, o número de falantes en cada lingua.

A listaxe 2 do anexo recolle esta proporción entre a cantidade de páxinas web nunha lingua e a cantidade de falantes desa lingua, calculada mediante unha simple división do número de páxinas polo número de falantes. O resultado é un índice de número de páxinas por falante, é dicir, un índice da cantidade de información e contidos web ós que pode acceder unha persoa na súa propia lingua. De acordo cos datos recompilados, os doce primeiros postos, para os índices máis elevados de páxinas web por falante, son para a lingua inglesa (1’298 páxina por falante) e para as linguas estatais de países do norte e do centro de Europa: islandés (1’764), dinamarqués (0’944), feroés (0’795), estoniano (0’737), sueco (0’729), noruegués (0’728), neerlandés (0’559), alemán (0’513), finés (0’503), checo (0’495) e eslovaco (0’351)12.

Consonte este índice, moitas linguas “importantes” descenden considerablemente na súa clasificación en relación ó seu lugar obtido na lista de páxinas web por lingua. O caso máis rechamante é o do chinés, que descende 28 postos, pasando de ser a cuarta lingua en número de páxinas web á trixésimo segunda lingua en proporción de páxinas por falante. Tamén son moi salientables os descensos de 21 postos do castelán (que baixa da oitava posición á vixésimo novena), de 17 postos do portugués (do décimo ó vixésimo sétimo) e de 14 postos do ruso (do sétimo ó vixésimo primeiro).

Pola contra, moitas linguas minoritarias ascenden na clasificación. Entre os casos máis destacables, o feroés sobe 39 postos (do cuadraxésimo terceiro ó cuarto); o islandés, 29 (do trixésimo ó primeiro); o galés, 20 (do cuadraxésimo segundo ó vixésimo segundo) e o euskara, 19 (do trixésimo oitavo ó décimo noveno). Neste índice, a lingua galega non sofre variacións de clasificación con respecto ó anterior, manténdose no trixésimo sétimo lugar, cunha proporción de 0’025 páxinas web por falante.

 

Centrándose nas tres linguas de uso na Cibergalicia (galego, castelán e inglés), e considerando os datos desde esta perspectiva mundial, a relación entre a proporción de páxinas por falante entre o galego e o inglés é de 1/52 (isto é, existirían 52 veces máis páxinas por falante en inglés ca en galego), e entre galego e o castelán é de ½ (exactamente 1/1’92, isto é, habería practicamente o dobre de páxinas por falante en castelán ca en galego). Esta relación entre a proporción de páxinas por falante do galego co inglés e co castelán, calcúlase dividindo a proporción de páxinas por falante de cada lingua pola proporción de páxinas por falante do galego, e constitúe un índice da magnitude das diferenzas entre a cantidade de información e contidos web ós que pode acceder unha persoa habitante da Cibergalicia en cada lingua: de xeito telegráfico, cincuenta veces máis en inglés ca en galego, dúas veces máis en castelán ca en galego.

 

Lingua Páxinas Falantes P/F P/F

L2/Galego

Inglés 442.670.131 341.000.000 1’298 51’92

Castelán 16.429.978 340.000.000 0’048 1’92

Galego 98.998 4.000.000 0’025 1

Listaxe 3: Páxinas en inglés, castelán e galego por falante (global)

 

Páxinas por habitante de Galicia

 

As relacións entre a proporción de páxinas por falante do galego co inglés e co castelán, relativamente moderadas nas diferenzas, varían considerablemente cando se reduce a escala de comparación do global ó local, e se analiza a situación desde o ámbito galego. Para esta nova comparación, de ámbito máis limitado, no canto do número mundial de falantes por lingua, vaise considerar o número de habitantes de Galicia, tomando este dato do Instituto Nacional de Estatística do Estado Español, segundo o cal a poboación galega a 1 de xaneiro de 1999 ascendía a 2.730.337 habitantes. A pregunta que se procura resolver agora é: ¿a cantas páxinas web en castelán pode acceder unha persoa habitante de Galicia, a cantas en galego e a cantas en inglés? Nos resultados desta nova análise compróbase que, dividindo o número de páxinas en cada lingua polo número de galegas e galegos, por cada páxina en galego á que pode acceder cada habitante de Galicia, pode acceder a 167 páxinas en castelán e a 4.503 en inglés. Xa que logo, a magnitude das diferenzas entre a cantidade de información e contidos web ós que pode acceder en cada lingua unha persoa habitante de Galicia son moi superiores a nivel galego ca a nivel mundial: sucintamente, catro mil cincocentas veces máis en inglés ca en galego, cento setenta veces máis en castelán ca en galego.

 

Lingua Páxinas Páx/habitante P/H

L2/Galego

Inglés 442.670.131 162’130 4.503

Castelán 16.429.978 6’017 167

Galego 98.998 0’036 1

Listaxe 4: Páxinas en inglés, castelán e galego por habitante (Galicia)

 

 

Páxinas por falante de Galicia

 

Aínda se pode fiar máis delgado e tratar de analizar o número de páxinas por falante, xa non no ámbito global do planeta, senón no noso país, en Galicia. O número de páxinas por habitante é un índice sociolingüístico certamente pertinente, pero que non recolle o feito de que o galego é a lingua predominante de Galicia, non só por se tratar da lingua propia, senón por ser a lingua de uso maioritario. Facendo abstracción das tendencias evolutivas do galego (que seica apuntan á súa substitución polo castelán por mor da progresiva perda da transmisión lingüística familiar), e segundo os datos publicados no Mapa de Sociolingüística Galega (Seminario de Sociolingüística, 1995), en canto á súa lingua habitual a poboación galega pode caracterizarse como 38’7% monolingües en galego, 50’7% bilingües e 10’6% monolingües en castelán.

Daquela, para ponderar o índice do número de páxinas por habitante cos datos de uso lingüístico, tomaremos como factor de ponderación de uso do galego a suma da porcentaxe de monolingües en galego e de bilingües (isto é, o 89,4% da poboación: 2.440.921 falantes), e como factor de ponderación de uso do castelán a suma da porcentaxe de monolingües en castelán e de bilingües (isto é, 61,3% da poboación: 1.673.696 falantes). Recollo os resultados desta nova análise na Táboa 5, onde se observa que, tendo en conta a lingua habitual da poboación galega, o índice de páxinas na súa lingua por falante é 245 veces superior no caso do castelán ca no do galego, o que representa un incremento do 32% con respecto ó índice de páxinas por habitante (167/1 fronte a 245/1)

 

Lingua Páxinas Falantes

(lingua habitual)

P/FLH P/FLH

L2/Galego

Castelán 16.429.978 1.673.696 9’816 245’4

Galego 98.998 2.440.921 0’040 1

Listaxe 5: Páxinas por falantes, considerando a lingua habitual (Galicia)

 

O galego dentro e fóra de Internet

 

Dos datos anteriores despréndese que a situación de minoración (inferioridade e subordinación) do galego en Galicia reprodúcese en Internet en toda a súa crueza. A Cibergalicia funciona, a estes efectos, como un lente de aumento da situación sociolingüística de Galicia, onde a lingua nacional, nesta Nova Orde Lingüística imposta pola Nova Orde Mundial, fica oprimida e minguante entre a lingua española dominante do poder inmediato e a lingua inglesa superdominante da globalización, tanto cando se considera a proporción de páxinas por habitante coma cando se considera a proporción de páxinas por falante.

No mundo real, alén da Internet, a lingua galega en Galicia está sufrindo un proceso gradual de substitución lingüística en prol do castelán ó que as institucións públicas non saben ou non queren contribuír a poñer freo. O factor clave desta substitución lingüística é que os pais galegos e as nais galegas deixan de transmitir o galego ás súas fillas e fillos; deciden utilizar o castelán na súa relación con elas e eles porque o consideran unha lingua máis útil e de maior prestixio. Estes fillos e fillas de lingua primeira castelá, que poden alcanzar o bilingüismo en galego en diversos graos dependendo do seu hábitat e dos seus estudios, ó alcanzaren a categoría de pais e de nais van transmitir de xeito natural a súa primeira lingua, é dicir, a castelá, perpetrándose así o lingüicidio do galego da maneira máis efectiva. A hexemonía do inglés na comunicación internacional contribúe a favorecer esta tendencia ó suicidio lingüístico colectivo do galego, proporcionando outra lingua útil e de prestixio que pode ser situada nunha escala superior á do galego no imaxinario colectivo da comunidade falante.

No mundo de Internet, as cousas non son moi diferentes. A pesar de que existe a percepción de que o galego “vende”, de acordo cos datos fornecidos por Romero e Vaquero, que reproduzo na maioría das empresas galegas utilizan só o castelán (57%) nas súas webs ou unha versión bilingüe inglés-castelán (23%), e só unha minoría incorporan o galego (14%) sempre en combinación con estoutras dúas linguas.

 

Lingua Porcentaxe

Só castelán 57%

Castelán-inglés 23%

Castelán-galego-inglés 7%

Castelán-galego 4%

Castelán-inglés-outras 4%

Castelán-galego-inglés-outras 3%

Só inglés 2%

Listaxe 6: Lingua das páxinas web de empresas galegas

 

Internet e o futuro do galego

 

Os datos presentados no apartado anterior presentan un panorama preocupante do uso lingüístico actual do galego en Internet. Emporiso, o importante non é simplemente en que cantidade se utiliza unha lingua, senón por que e cando a utiliza a xente, e que representa iso na súa percepción da identidade social. Nos seguintes parágrafos, hei tratar de expor con claridade as razóns que fan que o grao de incidencia en Internet sexa algo tan importante para calquera lingua e, particularmente, para o galego. A cuestión, expresada con inocente sinxeleza, é: ¿como pode afectar ó futuro do galego a súa posición en Internet?

 

Internet e a normalización lingüística do galego

 

A resposta a esta pregunta pode ser local ou global. Desde o punto de vista local galego, o grao de incidencia do galego en Internet ten unha relación directa co seu grao de normalización. Unha lingua normalizada é a que se utiliza en todos os ámbitos e rexistros. Por mor da súa relevancia social, a presenza dunha lingua nos medios de comunicación é fundamental para acadar a súa normalización. Entre os diversos medios de comunicación (cine, prensa, radio, televisión e Internet), Internet é o que ten, sen dúbida, unha maior proxección de futuro, xa que, grazas á súa tecnoloxía multimedia, pode acubillar no seu seo a todos os outros medios.

 

No caso de Internet, ademais da visibilidade social que lle outorga a unha lingua a súa presenza nos medios de comunicación, cómpre sumar o valor engadido do prestixio da lingua escrita, en combinación co prestixio e utilidade da tecnoloxía. De cara á recuperación da transmisión familiar e, polo tanto, de cara á detención da súa extinción lingüística, un factor moi importante para o galego é que se incremente a percepción social do seu prestixio e utilidade. Por conseguinte, unha política lingüística dirixida á normalización do galego non habería de esquecer a promoción do seu uso en Internet, en toda a gama dos contidos informativos e recreativos que se ofrecen na arañeira.

 

Por outra banda, desde o punto de vista global, para que unha lingua estea normalizada ten que ter unha identidade e unha presenza internacional recoñecida e respectada. Nun mundo globalizado, a política lingüística dunha lingua ten que aspirar á globalidade desde a súa localidade. Desde este punto de vista internacional, Internet é o medio de comunicación con maior público potencial, xa que o seu alcance é global. Unha páxina publicada en Internet pode chegar a unha poboación mundial conectada estimada de 544 millóns de internautas, aínda que evidentemente esta poboación mundial de internautas non estea repartida dun xeito homoxéneo por todo o planeta.

Internet permite que as linguas e culturas minoritarias das nacións sen estado coma a galega poidan expresarse globalmente, poidan ser coñecidas e recoñecidas a nivel internacional.

 

Canada e EEUU 181’23 millóns

Europa 171’35 millóns

Asia/Pacífico 157’49 millóns

América Latina 25’33 millóns

Oriente Medio 4’65 millóns

África 4’15 millóns

Total mundial 544’2 millóns

Listaxe 7: Persoas conectadas a Internet

 

Desde este punto de vista global, a calidade e cantidade da presencia dunha lingua en Internet é o espello virtual da súa comunidade lingüística a nivel planetario. Citando a Alain Clavet, da Comisión Delegada para as Linguas Oficiais de Canadá, “o lugar que ocupan os contidos das diferentes linguas na autoestrada da información é un índice da vitalidade lingüística, cultural, económica e política das persoas que as utilizan”.

 

En resumo, a normalización lingüística do galego (e mesmo a súa supervivencia) está estreitamente relacionada coa presencia de contidos en lingua galega en Internet, por tres importantes razóns. En primeiro lugar, porque a presencia do galego nos medios de comunicación é imprescindible para a súa normalización, e Internet é o medio de comunicación por excelencia dos nosos tempos. En segundo lugar, porque o incremento da percepción social do prestixio e utilidade do galego é imprescindible para a recuperación da súa transmisión lingüística familiar, e a presencia do galego en Internet garante o incremento necesario desa percepción de prestixio e utilidade. En terceiro lugar, porque o galego precisa dunha identidade e unha presencia internacional recoñecida e respectada, e a presencia do galego en Internet asegura a difusión necesaria para o seu coñecemento e recoñecemento a nivel global.

 

Internet e a planificación lingüística

 

A promoción do uso do galego en Internet desde os poderes públicos require, como parte da planificación lingüística encamiñada á normalización do seu uso, o deseño dunha estratexia nacional de resistencia fronte á globalización lingüística no espazo de Internet. Esta resistencia do cibergalego contra o ciberinglés e contra o cibercastelán non se opón en absoluto á comunicación intercultural; simplemente parte do convencemento de que a especificidade cultural e o respecto entre as diversas culturas son as condicións necesarias para unha comunicación axeitada e en igualdade de condicións.

 

As estratexias de resistencia contra o ciberinglés non son propias en exclusiva das linguas minoradas, senón máis ben todo o contrario. A análise de Pedro Maestre (1999:191), como Director do Centro Virtual Cervantes do Instituto Cervantes, resulta diáfana: “a situación que as diferentes linguas e os diferentes países van ocupando en Internet é un claro expoñente do seu desenvolvemento e da posición que han alcanzar ó longo do século XXI. Non estar en Internet ou non estar con penetración suficiente será síntoma evidente de ter perdido o tren do desenvolvemento e da modernidade”. Como di o sociolingüista americano Joshua A. Fishman, “se as grandes comunidades lingüísticas optan por manter as súas propias linguas ante a globalización, non debería sorprender a ninguén que moitas comunidades máis pequenas teñan o mesmo obxectivo”. Isto é, se os españois, os franceses e os alemáns poden globalizarse mantendo a súa lingua, ¿por que as galegas e os galegos non han de ter a mesmaaspiración? Probablemente, estamos a falar dun novo dereito lingüístico: o dereito das linguas a se defenderen da homoxeneización lingüística compañeira da globalización.

 

 

A PUBLICIDADE E O GALEGO

 

A maioría da publicidade chéganos en castelán, ou en inglés se o medio é internet; pero a lingua galega comeza a ter presenza tamén neste mundo. O consumidor galego ten unha boa disposición a recibir publicidade en lingua galega; de feito tres de cada catro galegos consideran axeitada a publicidade nesta lingua e tamén o etiquetado de produtos.

 

O emprego do galego na publicidade está a medrar. Demándanse as etiquetas no idioma de Castelao para os máis diversos produtos. Un deles é o viño, cun lema moi significativo: "Deixa que un viño fale/ Escolle un viño etiquetado en galego?". O spot continúa falando das vantaxes que produce o emprego do galego. "Dirá que é máis ca un viño? Explicará a súa orixe, falará da calidade". Asócianselle valores de prestixio.

 

Precisamente neste punto é interesante ter en conta que o home que non ten raíces non pode medrar, de xeito que non debemos renunciar á nosa orixe, como lingua e cultura.

 

E diso dánse de conta perfectamente as empresas publicitarias, xa que apostan polo idioma exaltando non só a nosa lingua materna, senón tamén a cultura e as tradicións a ela vencelladas.

 

Ese é o estilo escollido para a promoción dos distintos produtos. Pois o de "volve á orixe" do spot de Larsa parece estar patente en moitos outros eslogans que lembran a morriña que senten os galegos cando están fóra cando á súa memoria volve Galicia, sempre presente no corazón. Bótase de menos a gastronomía, a paisaxe, a lingua, o folclore?

 

A miúdo observamos que na publicidade se usa a identificación Galicia = calidade, sendo termos sinónimos. Os que aquí vivimos sabémolo de certo. Así é. Como aquí en ningures. Como se adoita dicir, o galego vende. E moito. E senón que llelo pregunten aos encargados da campaña de Turgalicia.

 

Todo apunta a que nas campañas da Xunta de Galicia está o xermolo da aposta social polo galego. Oficialmente iniciaron unha andaina que está a ser imitada por distintos colectivos.

 

Co lema "Galicia Calidade" vai asociada a idea de que a nosa comunidade autónoma é única. Así se viu tamén no spot no que Luís Tosar puxo a súa voz para contarnos que só pode ser "única" a terra que conta con palabras como "badalada", "luscofusco" ou "morriña", mentres Luar na Lubre se encargou da banda sonora.

 

E quen non ten en mente o recente anuncio de Gadis? A empresa converteuse nun referente, sendo moi aplaudido o seu spot "Vivamos como galegos!" por reflectir algo moi noso. O de "Somos optimistas por natureza, para nós todo é bo", complétase con que "os domingos sen aldea non son domingos" ou con algo como que Galicia é o lugar "Onde a xente non é fea, é riquiña", ademais de amable, onde están "As mellores praias do mundo", "Onde a comida é unha relixión" e se celebran 17.340 festas.

 

Son arredor de noventa segundos de imaxes, algo pouco frecuente en publicidade, polo desembolso económico que supón un anuncio tan longo en televisión. Paga a pena, pois simboliza o espírito galego.

 

A publicidade representa un 14,7% de media no conxunto de toda a prensa. O medio que máis galego utiliza na publicidade é El Correo Gallego, con máis dun 22% do seu espazo.

Non obstante, na outra banda atópase El País, con tan só un 3,3%.

Os cinco xornais restantes oscilan entre o 13,3% de El Progreso e o 22,1% de El Correo Gallego.

 

A lingua galega está máis representada na publicidade ca nas noticias, o que quere dicir que son os anunciantes os que máis apostan pola lingua propia de Galicia.

 

A Radio Galega emite toda a súa publicidade integramente en lingua galega e o resto das emisoras (agás Radio Nacional de España, que non ten publicidade), utiliza as dúas linguas en porcentaxes variables.

 

Polo que respecta á publicidade en galego, debemos salientar a existencia de publicidade exclusivamente para Galicia nas seguintes canles: TVE 1, La 2, TVG e Antena 3. Polo tanto, constatamos que Tele 5, Cuatro e La Sexta non emiten publicidade só para Galicia, polo que non existe nestas canles anuncios en lingua galega. A porcentaxe de galego rolda o 60%. Antena 3 é a cadea con maior porcentaxe de galego (un 65,8%), mentres que a Televisión de Galicia apenas supera o 58% (un 58,2%, exactamente).

Cómpre destacar a presenza de anuncios noutras linguas distintas do galego e do castelán (cun 6,2%) na Televisión de Galicia, especialmente inglés e francés.

 

Se atendemos ao tipo de anunciantes que contratan publicidade en lingua galega, observamos que na Televisión de Galicia son as empresas privadas as que máis publicidade contratan (cun 71,1%), seguida das autopromocións, que alcanzan o 14,8%. En cambio, nas outras tres canles observadas, a Xunta de Galicia é a principal anunciante. Na Televisión de Galicia, en cambio, a Xunta só supón un 6,4% do tempo da publicidade emitida. Nas canles de ámbito nacional, a publicidade contratada polas empresas ascende a un 45% en Antena 3 e queda no 37,1 e o 36,5% en La 2 e TVE 1.