normalización

O proceso de normalización é un conxunto de medidas que se tomaron e se seguirán tomando para asegurar ós cidadáns o seu dereito de vivir en galego, e isto engloba non so as súas relacións persoais, senón tamén tódalas actividades que estes poden realizar dentro da sociedade. Consiste en chegar a un punto de equilibrio entre as dúas linguas oficiais de Galicia no que non haxa ningún tipo de discriminación ou prexuízo que incline a balanza dos usos e dos falantes cara un determinado lugar, é dicir, facer que a nosa elección da lingua na que relacionarnos en cada momento, sexa totalmente libre.

 

A normalización lingüística é o proceso tendente a converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Non debe confundirse con normativización, que é o proceso de estandarización ou fixación formal de todo o corpus da lingua, aínda que este é o significado que se lle dá á palabra na sociolingüística hispánica.

 

O proceso normalizador dependen para o seu avance de tres factores:

  • Da acción institucional da comunidade, materializada mediante o poder político, que deberá proporcionar, por medio dunha determinada política lingüística, a lexislación, as medidas e o apoio necesarios tendentes a favorece-lo proceso de normalización lingüística. As institucións públicas teñen a posibilidade de normalizar unha parte moi importante dos ámbitos sociais e de favorece-los procesos de normalización lingüística colectivos e individuais.

  • Da acción colectiva non institucional daqueles individuos que posuíndo unha conciencia lingüística se agrupan para puxar pola marcha do proceso normalizador.

  • Da acción individual, asentada na vontade de ser das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen este factor básico o proceso nunca se levará a termino.

 

Normalización vertical e horizontal do galego:

A normalización individual (normalización vertical ou do individuo) non se pode acadar sen un proceso consciente e voluntario de galeguización, pois na sociedade galega de hoxe non se dan os condicionantes socioculturais e políticos que permitan ó individuo acceder á expresión completa en galego dunha maneira natural, espontánea e involuntaria. Así, a normalización lingüística vertical (individual) require un importante esforzo persoal e, aínda que é un fenómeno en aumento, resulta insuficiente, non xa para avanzar no proceso normalizador, senón mesmo para contrarrestar a progresiva perda de usuarios. Na actual situación, a normalización lingüística horizontal, aquela que se produce galeguizando ámbitos, sectores ou áreas da vida social, é a que se presenta como camiño viable e factible de expansión do galego, a que se pode atinxir dunha maneira progresiva no conxunto da sociedade.

 

Nos anos 60-70, a referencia normativa que se seguía á hora de escribir en galego era a chamada “normativa Galaxia”, elaborada por unha serie de intelectuais, liderados por Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego.

Pero entón, no ano 1970 a RAG publica as normas ortográficas do idioma galego e, tralo fin da ditadura a Universidade de Santiago publica “Báses para a unificación das normas lingüísticas do galego”, que será considerado o texto que conseguiu máis consenso e maior rigor filolóxico do período previo á aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.

 

No 1980 tamén se publica unha versión de “Orientacións para a escritura do noso idioma”, considerada a maior referencia do reintegracionismo. Trala publicación dunhas normas ortográficas por parte da Xunta, que pola súa ambigüidade non solventaron ningún dos conflitos, chegamos ó Estatuto de Autonomía de Galicia.

 

Aparece na Constitución Española de 1978, e que trata os seguintes puntos:

  • Definición do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e as bases da división e organización administrativa do territorio.

  • Definición política da condición de galego (art. 3). Recoñecemento das comunidades galegas no estranxeiro.

  • Os símbolos propios de Galicia: bandeira, escudo e himno.

  • O recoñecemento do galego como a lingua propia de Galicia e a cooficialidade co castelán.

  • Estrutura orgánica do goberno autonómico. Institución dunha figura análoga o Defensor do Pobo.

  • Facenda e patrimonio propios.

  • Diversas competencias de acordo á constitución e as leis de solidariedade entre as comunidades que conforman España.

  • Establecese o procedemento de reforma do Estatuto.

 

Trala posta en funcionamento do Estatuto de Autonomía para Galicia, crease no 1983 da Lei de Normalización Lingüística, grazas á que se conseguiu avanzar moito na loita polos dereitos dos galegos. Apróbanse despois, no 2003 as NOMIGa (Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego), propostas pola RAG e polo ILG. O Estatuto outorga as competencias sobre o ensino e a promoción do galego á Xunta de Galicia, mentres que se decreta que a encargada da normativización será a RAG.

 

A presenza do Estatuto, permitiu non so ós responsables da normalización, senón tamén a toda a comunidade galega, tomar cartas no asunto, e seren eles por fin os que decidan o futuro da súa cultura. Isto levou a grandes iniciativas en prol da lingua, con moito éxito nos últimos anos, e con logros coma por exemplo a necesidade de desenvolverse en galego sen dificultades, para poder acceder a postos de traballo da administración pública.

 

No 1986, sae publicada a “Comissao para a reintegraçao da lingua de Galiza no acordo ortográfico Luso-Brasileiro”, novo documento de carácter reintegracionista, que loita pola incorporación total do galego á lusofonía.

As diferenzas entre os partidarios da normativa oficial, e os da normativa de mínimos, é dicir, a reintegracionista, abren un debate público para establecer unha reforma ortográfica nas NOMIGa, caracterizada por unha vontade de converxencia.

 

Tras isto, no 2001, as tres universidades de Galicia, poñen a traballar ós seus departamentos de filoloxía galega, xunto a diversas institucións como a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, na busca dun consenso entre a nova normativa e as anteriores, que se ben ó principio non deu resultado, cun primeiro debate no que a maioría votou por non facer cambios na normativa, co cambio en 2002 de presidente na RAG, convocouse un segundo debate, a partir do cal naceu a chamada “normativa da concordia” ( 12 de xullo do2003).

 

Pese ó seu nome, o certo é que as modificacións introducidas non tiveron demasiado alcance, e polo tanto, seguiron marxinando un pouco as propostas reintegracionistas.

 

Tras esta modificación da NOMIGa, a seguinte iniciativa máis importante para a normalización do galego, foi a creación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, documento importantísimo, que establece un claro plan de actuación por parte da xunta. Como xa mencionamos no bloque xeral, o Plan divídese en tres campos aplicados a uns sectores horizontais:

 

  • Dereitos lingüísticos

  • Novas tecnoloxías

  • Implementación do corpus

 

E uns sectores verticais:

  • Administración

  • Educación, familia (transmisión xeracional) e mocidade;

  • Medios de comunicación e industrias culturais (editoriais)

  • Economía (e industria)

  • Sanidade

  • Sociedade (asociacionismo, turismo, lecer)

  • Proxección exterior da lingua galega

 

En canto ós sectores horizontais, este Plan o que busca é o cumprimento duns obxectivos xerais. Estes son:

 

Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións, para o cal se precisa, ademais dun proceso de normalización que nos permita empregar un galego estándar, unha gran acción por parte de diversas institucións e organismos públicos, que aseguren a total igualdade entre as dúas linguas oficiais, en tódolos procesos nos que eles sexan responsables.

 

Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos, así como en novas empresas e en resumidas contas, facer do galego unha lingua moderna, capaz de valerse por si mesma en tódolos ámbitos, sexan tecnolóxicos ou de calquera outra clase. Para isto precisarase, a partir de máis proxectos e traballos levados a cabo en galego, dotalo dun vocabulario completo e moderno.

 

Introducir na sociedade a oferta positiva (a atención do cidadán ou cliente inicialmente en galego coma norma de cortesía, a menos que se perciba dificultade de entendemento do atendido, ou que pida que o atendan en castelán) simbolizando un novo espírito de convivencia lingüística; promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega, que esfarele prexuízos, reforce a súa estimación e aumente a súa demanda; e dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten como vehicular na vida moderna

 

Os criterios básicos a ter en conta nos sete sectores, que representan por dicilo dalgunha maneira, o campo de acción das medidas anteriormente mencionadas, serían a implicación dos sectores sociais ós que vai dirixido; asociación da lingua ós elementos máis innovadores do progreso social; rendemento das intervencións, seleccionando accións con poder multiplicador; Preferencia polos procedementos persuasivos sobre os represivos; Consenso, con tal de evitar conflitos. Das máis de 400 medidas decididas pódense destacar a do incremento da presenza do galego coma lingua vehicular no ensino ata un 50% mínimo en primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato; o aumento da presenza do galego nos xornais de maior tiraxe mediante acordos ata chegar a un 30% en dez anos; e a solicitude conxunta con Cataluña e Euskadi ó estado español para que os niveis de ensino non universitario de toda España se estude unha das lingua cooficiais.

 

Para analizar o sector administrativo con perspectiva, temos que resaltala súa importancia dentro do proceso de normalización. Esta importancia ven da autoridade que infunden no pobo os organismos gobernamentais. No caso español, se cada comunidade autónoma cunha lingua oficial independente da lingua do estado, ten uns estatutos propios, como soe ser, que teñen por función defender á lingua e promovela, e que neste caso, están secundados pola Constitución Española do 1978, a xente espera que traballen día a día pola normalización de usos, e lle atribúe a eles a maior parte da responsabilidade de levar a término, este proceso. Isto non so quere dicir que acatarán a maior parte das medidas adoptadas por estas institucións, aínda que non estean moi de acordo con elas, senón tamén que esperarán a que os movan, porque é o que cren que pasará. Isto significa que sen unha boa realización do PXNL na administración a maioría da xente non se moverá, e seguirá esperando, sen ter valor para intentar facerse valer, aínda estando de acordo co plan, por medo a selo único, cousa que se pensásemos friamente non se dará nunca.

 

Esta responsabilidade nas mans da administración implica, a modo de mandato táctico, un gran compromiso ca promoción, aceptación e en definitiva, defensa da nosa lingua. Para a promoción, valerase de métodos coma unha boa lexislación, que sexa oportuna e se cumpra; e para a aceptación bastará coan coherencia entre os mandatos e as accións, de maneira que se apoien cada decisión con actuacións propias, que dean seguridade ó pobo.

 

Aínda que o PXNL, nin é perfecto, nin se cumpriu ó 100% na maioría dos casos, dende fai uns 25 anos, veuse producindo un progresivo cambio de mentalidade sobre o galego, respecto os seus falantes e ás súas posibilidades como lingua. Hoxe en día ata énos difícil de imaxinar unha Galicia sen identidade política, como era ata non fai tanto, e unha administración galega sen identidade lingüística, feito máis recente aínda.

 

Ademais de tódalas medidas acadadas en eidos coma a rotulación de organismos e vehículos públicos, de leis, decretos e bandos, que hoxe en día son en galego a maioría, nuns casos por primeira vez en cinco séculos, e nalgúns outros, por primeira vez na historia, a administración no século XXI, e sobre todo tras este plan, conseguiu que a valoración do galego, dentro e fora de Galicia, cambiase radicalmente. Isto conseguiuno grazas a que estendeu os seus brazos cara o ensino, os medios de comunicación e a sanidade pública.

 

Porén, non acaba aí a cousa senón que a propia administración autonómica é a primeira editorial en lingua galega, e serve de soporte económico a diversas iniciativas privadas con obxectivos normalizadores ou simplemente beneficiosos para a nosa lingua, que desempeñan a súa labor noutros sectores.

 

Outra iniciativa importante foi a creación da Comisión de Toponimia grazas ó decreto 43/1984, que nos seguintes vinte anos trala súa creación, fixo unha revisión científica dos topónimos galegos, a partir da cal oficializou os que creu máis oportunos e actualizou a sinaléctica viaria. Este foi sen dúbida un grande traballo, pero o certo é que se aprecia unha clara tendencia cara o estudo das zoas máis urbanas, en detrimento das rurais, que conservan un patrimonio cultural relacionado cos nomes dos distintos camiños, montes, veigas, … de gran valor histórico, que aínda que non teñen parangón en boa parte de Europa e son empregados en diversos procesos de carácter oficial coma os plans municipais de urbanismo, non hai ningún organismo que se dedique a recollelos e organizalos, debido en gran medida á falta de coordinación.

 

Para rematar a análise deste sector queríamos dar a coñecer algunhas sombras que apareceron no desenvolvemento deste plan:

  • Segue habendo algunhas xestorías e despachos, de avogados sobre todo, que aínda que empregan o galego coa xente, nos escritos que envían a tribunais ou notarios, se decantan polo castelán, co que a xente chega á casa convencida de que fala unha lingua sen estatus social.

  • Aínda non se utiliza o galego o suficiente coma lingua de formación técnica de administradores, xuristas e notarios, como cabería esperar a estas alturas.

  • A administración exerce un escaso control sobre o cumprimento das normas de uso do galego polas administracións públicas.

  • Percíbese un desequilibrio entre o uso do galego nas administracións culturais e nas técnicas.

  • Descoordinación xeneralizada.

     

 

A NORMALIZACIÓN NO ENSINO

 

Cara finais do século XIX crease a primeira gramática do galego, este foi o primeiro paso para que o galego se tivera en conta coma un idioma máis da península non coma un dialecto apartado do castelán.

 

Neste bloque imos tratar o proceso que pasou o galego para lograr normalizarse dentro do ámbito do ensino. O galego empeza a moverse no ambito do ensino nos anos 70, despois, cara finais do século 20 comeza a empregarse coma medio para a transmisión de coñecementos, no noso sistema educativo.

 

A lei de normalización lingüística do ano 1983 pretende asegurar e regulamentar o proceso de normalización en galego. Esta lei de normalización foi o primeiro paso para sustentar a lingua galega.

 

Di, en xeral, o seguinte:

-O galego pode usarse como lingua deensinanza a tódolos niveis educativos. -Tódolos nenos poderán recibir a súa educación na lingua materna.

-O goberno tomará medidas encamiñadas a promover o uso do galego.

-Os alumnos non poderán ser separados por razóns lingüísticas.

-O galego estudarase durante todo a etapa que abranga ensino preuniversitario, salvo casos excepcionais, ningún alumno poderá pedir a exención do galego se cursa os estudos en Galicia, os alumnos deben coñecer e ter unhas competencias mínimas tanto no galego coma no castelán.

 

No caso de que os alumnos non acaden uns niveles mínimos adoptaranse as medidas de reforzo necesarias para que se alcancen os obxectivos marcados. Todo isto terá un seguimento pola consellería de educación. Estas normas son as que se estableceron para que o galego non quedara marxinado dentro da sociedade galega. Este decreto estivo en vigor ata o ano 2007, cando entrou o novo decreto, o cal fixo que se gañaran falantes nos seguintes anos. Co decreto de 1995 non se conseguiu mudar a situación do galego no ensino pois os rapaces remataban o ensino obrigatorio sen saber falar e escribir en galego. O decreto do 2007 foi promovido polo bipartito que era partidario de que en Galicia se falara maioritariamente o galego.

 

Segundo certos grupos de dereita o decreto do 2007 aprobado por Emilio Pérez Touriño e tamén por Anxo Quintana e unha copia nalgúns aspectos do do ano 1995 que foi aprobado polo goberno de Fraga. O decreto do 2007 abrangue un maior número de campos no que se debe usalo galego e tamén cambia o xeito de repartilo na educación.

 

Agora mencionaremos algunhas características, as máis salientables, do decreto do 2007:

-Abrangue tanto a educación privada como a pública.

-O persoal docente do centro deberá empregar o galego tanto nas clase como entre eles mesmos.

-Tódolos documentos do centro deben ir escritos en galego, ademais terá un plan de desenvolvemento do idioma para todos os que teñan dificultades en galego.

-O persoal que esta en prácticas recibirá un curso de terminoloxía galega para a súa especialidade.

 

Este decreto trouxo consigo unha grande reforma no eido do ensino. O problema foi que a maioría dos colexios non cumpriron coa súa parte, polo tanto non tivo o éxito esperado aínda que si fixo que aumentara o número de falantes en galego, pero aínda así hai un gran grupo que non se atreve a falar galego por mor dos prexuízos e o que se intenta co proceso de normalización no ensino e que iso mude e teñan unhas competencia básicas. Tódolos centros de ensino non universitario teñen un plan especifico para fomentar a lingua galega en maior ou menor medida. Estas iniciativas, que se tomaron durante todos estes anos non so tiveron aprobación pola consellería de educación, senón que tamén foron apoiados por numerosas organizacións a prol da lingua galega como a mesa pola normalización, GZ nación. O decreto do 2007 foi o que máis éxito tivo entre a xente e as organizacións porque verdadeiramente si que adoptaba medidas para mellorar o ensino. O de 1995 tamén tivo a súa aceptación, pero tiña unhas bases moi pobres con respecto o uso do galego no ensino. Aquí temos que fixarnos nunha cousa, o decreto de 1995, sendo inferior en moitos campos ó de 2007, estivo 12 anos en vigor, fronte os 3 do de 2007.

 

Un dos grupos máis salientables con uso do galego e precursor deste en tódolos ámbitos é a CIG este grupo foi un dos primeiros que demandou o uso do galego no ámbito do ensino, e levou a mantivo a súa intención ata que se fixo o proceso de normalización de 1995, do que saíu o decreto. O último decreto que se fixo de galego foi no ano 2010 e provocou que moitas persoas saíran a rúa a manifestarse. O único que conseguen con estes decretos sen sentido, que o único que buscan é convencer á xente, é dar unha falsa aparencia de estar a facer algo produtivo para a sociedade.

 

 

A NORMALIZACIÓN NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

 

Na sociedade da información, os medios de comunicación desempeñan un papel fundamental, e non é totalmente falsa a afirmación de que información é poder. Hoxe a transcendencia de calquera idea, iniciativa, descubrimento ou acción depende en gran medida do eco que atope nos medios. Os medios difunden noticias, entreteñen, transmiten modelos e crean estados de opinión. Na actualidade todos os cidadáns están, queiran ou non, influídos polos medios de comunicación: os nenos teñen un amplo contacto coa televisión; os autobuses urbanos adoitan levar sintonizada algunha emisora de radio, como a levan a maioría dos condutores nos seus coches particulares cando se desprazan aos seus traballos; a TV está frecuentemente presente nas comidas de familia e chega mesmo á interioridade dos nosos cuartos de durmir. Ata alí chega no instante a noticia do que acaba de acontecer en lugares situados a milleiros de quilómetros.

 

A xente nos nosos días chega a crer tanto nestes medios que pensan que o que non aparece na TV ou na prensa non existe, desta forma quedan vulnerables, a mercé dos ideais dos medios. Isto pode afectar gravemente a lingua, xa que a xente ó ver ou ningún ou poucos xornais en galego, non axuda á eliminación dos prexuízos que pesan sobre o galego (causa principal da actual situación da nosa lingua) se non que incrementan os xa existentes.

 

Á parte da TV, a radio e os xornais existe un terceiro medio de comunicación que quizá sexa o máis importante destes, xa que é universal, instantáneo e de baixo custo, e por primeira vez nos medios de comunicación este é bidireccional, xa que o lector non só pode informarse, senón que pode informar.

En Galicia os medios de comunicación teñen unha presencia en galego mínima, aínda que existen, estes son poucos e cunha repercusión na poboación que podería ser moito mellor. No campo dos xornais existen máis empresas que apostan polo galego, aínda que moitas outras limitan ó galego a determinadas noticias. Pese a isto a presenza do galego nestes medios expresaría a súa vitalidade como lingua e o seu prestixio, sendo estes medios unha eficaz ferramenta para impulsar o seu uso e conseguir a súa normalización.

A prensa escrita dentro de todos os medios é o que peor situación ocupa, xa que sitúase cunha media inferior ó 5%. A parte disto, cando se emprega a nosa lingua emprégase para eidos como o humor, publicidade, e estes crean unha imaxe distorsionada que non contribúe a eliminar os prexuízos moi asentados na cidadanía.

 

A este uso minoritario e limitado a certos temas hai que engadir a tendencia moi estendida a traducir ao castelán declaracións, entrevistas ou notas de prensa orixinalmente producidas en galego, o que crea unha clara disonancia entre o uso social da lingua e a súa representación nos medios. Esta ausencia do galego dos medios de comunicación escrita contrasta coa opinión maioritaria da poboación, que demanda un maior uso da nosa lingua neste ámbito, tal como se deduce da enquisa realizada polo Consello da Cultura Galega: A maioría dos lectores habituais de prensa, o 60%, reclama unha maior presenza de galego nos xornais ( datos tirados do estudo A lingua galega nos medios de comunicación, 2004 Consello da Cultura Galega – Sección de Lingua)( Anexo.2) ; tanto nas seccións informativas, como nas de opinión. Ademais, na mesma enquisa, cando se pregunta en que lingua se desexaría un novo xornal que se editase en Galiza, a maioría da poboación (o 51%) prefire o galego; un 33% querería unha cantidade de información semellante en galego e en castelán; mentres que só o 11% elixiría que o castelán tivese máis presenza có galego.

 

Porén as empresas, en xeral, non apostan demasiado polo galego, a publicidade galega soe ter boa acollida polo público, igual ou incluso algo mellor que a publicidade en castelán, xa que a xente a mira como achegada ao seu (como algunha campaña de Gadis, Feiraco, ou outras).

 

A pesares disto, “os anuncios en galego non deixan de ser minoritarios, e dentro da excepcionalidade” (Carme Silva Domínguez -USC).

 

Algunhas das medidas son as tomadas polo plan de normalización lingüística, feito no ano 2006. Para que a nosa lingua pase de estar nun segundo plano a estar en cabeza necesítase non so a normalización nos medios de comunicación e outros, si non que necesita un apoio colectivo.

 

Así, os obxectivos do plan de normalización neste eido son os seguintes:

  • Iniciar un proceso de incremento anual e constante do uso do galego nos medios de comunicación públicos e privados que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural.

  • Lograr unha ampla oferta informativa lúdica e cultural en galego, tematicamente variada e de calidade.

  • Pór ao alcance dos profesionais do sector os medios formativos, didácticos e técnicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego no seu traballo profesional.

  • Incrementar a presenza do galego na publicidade comercial, especialmente na destinada ao consumidor infantil e xuvenil, xa que este sector é o que nun futuro defina a situación do galego.

  • Concienciar os comerciantes, empresarios e, especialmente, os publicistas de que o galego axuda a vender, pero non subvencionando ás grandes empresas para que axuden ó galego, si non axudando ás pequenas empresas galegas de forma que se convertan en grandes, apoiando ó noso idioma e expandindo a nosa cultura.

 

 

A NORMALIZACIÓN NA ECONOMIA

 

Deseguido tratarase a situación da normalización nas distintas áreas da economía por separado (industria, comercio, cooperativismo, banca e traballo). En cada unha expoñeranse os obxectivos marcados co fin de promocionalo galego, e tamén, os puntos da súa realidade a prol e en contra do galego. Por último exporanse as medidas que se están aplicando para acadar os obxectivos previamente fixados.

 

..NA INDUSTRIA

Neste sector, as medidas normalizadoras intentan acadar os obxectivos de:

 

  • Promover o uso do galego, sobre todo nas empresas máis importante de Galicia, para así intentar elevar o estatus social da lingua.

  • Elevar o uso do galego como lingua de traballo e de relacións empresariais.

  • Garantir o uso do galego no sector industrial público dependente das distintas dependente das distintas administracións que desenvolven actividades en Galiza.

 

Para acadar estes obxectivos, as medidas apóianse na gran presenza do galego no comezo e no final do proceso económico (produción e mercado).Tamén se apoian en que é a lingua máis utilizada entre os empregados de moitas empresas galegas nas súas relacións comerciais, ademais disto, recibe axudas públicas para promocionalo neste mundo empresarial. Pero sen lugar a dúbida, o que mais pode axudar a este idioma é que cada vez mais, as empresas estanse a comprometer no ámbito da ecoloxía e da cultura, onde dito idioma ocupa un importante lugar.

 

Para reforzar o anteriormente dito,estanse levando a cabo moitas estratexias que buscan acadar que o idioma galego teña unha maior presenza na nosa sociedade, é así chegar a unha situación de equilibrio entre as dúas linguas cruzadas na mesma comunidade autónoma.

 

Estas estratexias intentar aproveitar o potencial económico que ofrece a presenza do galego en todos e cada uns dos sectores da sociedade, engadindo ademais un incentivo económico (famosas subvencións da Xunta de Galiza). Inténtase aproveitar os efectos positivos destas estratexias para a promoción do galego.

 

Non só existen estas estratexias, senón que tamén estase a aproveitar a mentalidade moderna de reencontro ecoloxista co local e có diferente.

Aparte disto, a infraestrutura de TurGalicia vincula patrimonio turístico e cultural coa lingua, co fin de promover o seu uso.

 

Pero así coma percibimos factores que corren a favor do galego, tamén os temos que o desfavorecen, e por desgraza son máis abundantes estes últimos.

 

Destes, factores negativos, podemos mencionar, por exemplo, que o galego ten pouca presenza no proceso empresarial intermedio de alto valor simbólico (creación, programación, xestión, dirección da produción, publicidade, vendas e contabilidade) maiormente das empresas medias e grandes.

 

Outro deles, tamén importante é que, os especialistas en campos técnicos, non teñen suficientes documentos especializados, nesta lingua, polo que lles crea unha inseguridade a hora de expresarse. Ligado a isto, temos que a maioría dos que traballan nunha oficina utilizan o castelán, mentres que nos traballos de menos cualificación está mais presente o galego, polo que dita lingua está ligada a unha baixa cualificación, aínda sen ser responsabilidade directa dela, e o castelán a un nivel de estudos superior (Este é un prexuízo moi presente hoxe en día). Disto podemos concluír o seguinte:

 

Existe unha escasa utilización do galego en documentos técnicos, por non asociarse este idioma a este tipo de actividades.

 

Outro punto que corre en contra é a insuficiencia dos medios informáticos e de xestión en galego, aparte do escaso interese empresarial.

 

Ademais de todo isto aínda hai que engadir unha cousa máis, que é que as empresas máis importantes do país, seguen a empregalo castelán en vez da súa lingua materna, un claro exemplo o temos na gran firma a nivel estatal e europeo, “INDITEX”, empresa na cal o presidente é Amancio Ortega, que naceu en Galicia.

 

As medidas que se están aplicando para acadar unha melloría na situación lingüística son:

 

Campañas de concienciación para que os técnicos se decaten de que moitas das relacións pódenas realizar en galego, xa que dito idioma serve igual de ben que o castelán.

 

Intentar facilitarlle a todos os sectores a documentación e o asesoramento lingüístico necesario para que os cadros técnicos poidan desenvolver en galego a súa actividade e sexa posible conservar a lingua en todo o proceso produtivo.

 

Para incitar a algunhas empresas o que se está facendo é continuar con axudas públicas para a galeguización das empresas, outorgándolle prioridades ás accións con carácter perdurable e global. Ademais disto, estase intentando promover a coordinación de tódolos organismos públicos para que haxa un impulso común polo galego. A carón desta última, estase impulsando a elaboración das novas tecnoloxías da fala aplicables ao mundo económico (programas de contabilidade...etc.).

 

Estanse facendo campañas publicitarias vinculando os produtos estrela de Galicia co patrimonio lingüístico, aparte das campañas de publicidade vinculando a natureza, o turismo rural, a cadea ecolóxica cos nomes das cousas e dos lugares e coa lingua que neles se creou e pervive.

 

...COMERCIO

 

Neste sector, as medidas normalizadoras intentan acadar os seguintes obxectivos:

 

  • Alentar as empresas a valorar os beneficios derivados da incorporación da lingua galega ás actividades comerciais.

  • Promover o establecemento da oferta positiva de atender o cliente en galego como práctica comercial habitual.

 

Neste campo, o do comercio, o galego ten abundantes puntos fortes aínda que hai moito que mellorar.

 

Como puntos a favor temos que a lingua galega no seu territorio ten moita presenza, nuns eidos máis que noutros, pero en todos a fin de contas, o que a converte nunha lingua axeitada para a relación laboral e comercial. Ademais é a lingua maioritaria en Galiza, e isto convértea nun vehículo de comunicación dun gran mercado maioritario, e aínda máis, xa que ten un baixo número de rexeitamento na poboación, no seu uso empresarial (como poden ser os caixeiros automáticos).

 

Un dos puntos máis a favor do galego é que temos empresas de distintos sectores que ofrecen un exemplo de compromiso coa lingua galega sen repercusión comercial negativa, un exemplo clarísimo disto poden ser os anuncios de Larsa e Gadis.

 

Para alivio do galego, existen consumidores que prefiren os produtos e os servizos que lles ofrezan neste idioma.

 

Hai un clima favorable para a publicidade en lingua galega debido a acción dos medios de comunicación en galego que a foron facendo normal. Paralelamente ligado hai unha actitude tamén favorable de importantes empresas non so galegas a enunciaren en galego.

 

Outro gran punto a favor é a identificación dalgúns produtos galegos coma “de calidade”.

 

A proximidade lingüística do galego co portugués e o castelán favorece a intelixibilidade da lingua galega na relación comercial cos países veciños.

 

Cabe matizar que existe apoio o galego no eido xudicial, xa que temos leis que apoian a etiquetaxe en galego, aparte da lexitimidade do emprego no galego nos documentos oficiais da empresa.

 

Para apoiar o anteriormente dito e incrementar o seu uso, estanse levando a cabo distintas estratexias que deseguido exporei:

 

Estase aproveitando que a maioría da sociedade utiliza o galego en gran parte das súas relacións, e así fomentalo e difundilo polo resto da sociedade que non acostuma falalo.

 

Máis aínda estase a aproveitar a experiencia do éxito económico das empresas que deron o paso de traballar en galego. Un punto fundamental que está ligado de forma indirecta co anterior é: facer uso dos organismos públicos con incidencia no sector económico. Tamén estase a utilizar a exención fiscal prevista na lei de normalización lingüística.

 

Á parte disto faise gran aproveitamento dos datos favorables do MSG e do estudo de mercado do CCG para mobilizar o sector cara o galego.

 

Outra estratexia moi importante é a de empregar a lexislación existente (Lei de normalización lingüística).

 

Ademais intentase aproveitar a alta implantación do galego nos sectores produtivos, e prestando atención o mercado portugués.

 

A pesar de todas as vantaxes neste campo, aínda séguennos a superar as desvantaxes, polo que compre pararse detidamente para poder comprender o estado verdadeiro no que se atopa o galego e non crear un falso estado.

 

Como expuxen anteriormente as desvantaxes son moitas, pero compre pararse en algunhas en especial, das que destacan, para así intentar erradicala:

 

Por riba de todas temos que destacar unha, xa que é un prexuízo clarísimo presente na sociedade galega. Hai unha parte dos empresarios que consideran que a lingua galega non é necesaria para as súas actividades ou que está marcada como lingua dun sector minoritario ou de menor poder adquisitivo.

 

Compre tamén destacar os conflitos normativos que transmitiron ata hai moi pouco inseguridade ao mundo económico e empresarial. A empresa tende a fuxir dos puntos de potencial discrepancia social e política, e a lingua galega aínda pode selo.

 

Tamén podemos atopar dificultades para escribir en galego nas persoas non alfabetizadas ou insuficientemente alfabetizadas nesta lingua.

 

Existe unha inercia maioritaria de non cuestionar a exclusividade do castelán como lingua empresarial.

 

Unha clara desvantaxe para o galego é o medo que existe na clase empresarial de posicionarse respecto do galego, pola posibilidade de causar rexeitamento en sectores de clientes. Outra desvantaxe é a indiferenza da maiorías dos consumidores ante a ausencia do galego na etiqueta dos produtos.

 

Presenza dunha actitude negativa dalgunhas institucións a recibiren escritos en galego e a mandaren as súas comunicacións neste idioma. Á parte da escasa utilización do galego en moitos organismos públicos, e pouco uso tamén nos medios de comunicación.

 

Existe unha actitude (por parte dalgunhas empresas galegas) contraria a se anunciaren en galego.

 

Debido a globalización, as empresas galegas ou de capital galego venden noutras linguas, e abandonan o galego. E aínda mais, xa que existen limitacións nas normativas de etiquetaxe.

 

Á parte disto, existe unha situación sociopolítica adversa a hora de que no resto de España se valore positivamente ou non se rexeiten as singularidades culturais.

 

Co fin de acadar unha melloría e un incremento no uso do galego estanse a aplicar diferentes medidas que darei a coñecer no seguinte parágrafo.

 

Estanse realizando campaña nos medios de comunicación para que dean do galego unha imaxe de lingua maioritaria, propia e emerxente, que a asocie ao progreso social e económico e que faga ver que a lingua ten valor económico.

 

Outra medida moi destacada son as mensaxes oficiais da Xunta de Galicia as empresas recomendando unha actitude favorable a lingua.

 

Estase a intentar promocionar o seu uso por defecto na facturación das empresas.

 

Cada ano, faise unha invitación a dez empresas estratéxicas para que incorporen o galego a súa actividade. Cinco persoas relevantes de Galicia preséntanlle un proxecto previamente deseñado para cada empresa, que mellore a imaxe social e que lle garanta certa publicidade.

 

Tamén se facilita materia técnico e as axudas precisas para que as empresas que o falan non renuncien a el, aparte tamén se dan premios e subvencións a empresas galeguizadas, co fin de promover o idioma. Aparte, cada ano difúndense os datos positivos que se acadaron para realzar o seu uso.

 

Tamén fanse campañas para difundir os datos en % dos consumidores que prefiren un produto etiquetado en galego, para así intentar acadar que as empresas etiqueten en galego e ir implantando pouco a pouco o idioma.

 

Estanse instalando nos organismos públicos carteis informativos dando a coñecer o dereito do cidadán a expresarse oralmente ou documentalmente en galego.

 

Estase subvencionando as empresas de publicidade para que os anuncios e o marketing sexan en galego.

 

 

..COOPERATIVISMO

 

Neste sector se intentan acadar so seguintes obxectivos:

  • Promover nas cooperativas de Galiza o uso da lingua galega como lingua de relación interna entre os seus asociados e de uso administrativo na documentación que a súa actividade xere.

  • Potenciar que as cooperativas galegas empreguen a lingua galega nas relacións comerciais cos seus clientes e como indicativo identitario dos seus produtos.

 

Nesta área temos un punto moi forte, xa que hai un certo número de cooperativas que abranguen amplos sectores económicos que utilizan o galego como lingua comercial.

 

Pola contra temos unha falta de uso da lingua nas cooperativas mais sobranceiras.

 

Como medida estase a convocar os representantes das mais importantes cooperativas dos distintos sectores co obxecto de acordar as medidas conducentes a galeguización da súa actividade.

 

...BANCA

 

Os obxectivos desta área son os seguintes:

  • Estender a práctica entre as entidades bancarias e caixas de aforros de utilizar a lingua galega na documentación informativa e contractual, nos servizos en liña e na atención ao público.

  • Promover o establecemento da oferta positiva de atender o cliente en galego como práctica habitual na banca.

 

Como puntos a favor temos un crecente peso de internet e máis das novas tecnoloxías que abaratan o custo dos usos plurilingües. Ademais da capacidade das novas tecnoloxías para instaurar novas regras de xogo, coas que o mundo virtual se converte nun campo alternativo e experimental. Pero polo contrario existe un baixo nivel de acceso das empresas galegas as TIC.

 

Outro punto en contra é que os cadros medios, que son os que máis usan as novas tecnoloxías,normalmente non favorecen o uso do galego.

 

As medidas que se están a adoptar son as seguintes:

Acordos institucionais da Xunta de Galicia coas universidades e máis as empresas de TIC para produción de programas e soporte técnico en galego. Utilizaríase a rede para a difusión destas ferramentas. Por isto teríase que adoptar un plan de axudas para o acceso as TIC.

Tamén se terían que establecerse acordos para que na elección de persoal, especialmente daquel destinado a atención directa cara o público, se garanta a competencia lingüística en galego que permita poñer en práctica a oferta positiva.

 

...TRABALLO

Neste área os obxectivos son:

  • Xeneralizar o uso do galego como lingua de traballo e das relacións laborais.

  • Asegurar unha maior presenza do galego nas carreiras técnicas, na formación profesional e no ensino non regrado.

  • Comprometer os sindicatos e outras organizacións de traballadores no proceso normalizador da lingua galega.

  • Garantir o dereito dos traballadores a utilizar a lingua galega nas súas relacións laborais.

 

Nesta área temos un punto forte, xa que presentase unha clara receptividade da base sindical a iniciativas de promoción do galego no sector económico. Sempre acompañado por un punto débil, aínda que neste caso, de non moita importancia. Existe un lixeiro decaemento da reivindicación da lingua na actividade sindical.

 

Para intentar acadar unha melloría se está pondo en marcha unha iniciativa que intenta o seguinte: Programar cos sindicatos, comités de empresas e Consello Galego de Relacións Laborais a introdución dos dereitos lingüísticos dos traballadores como cláusula de oficio en todos os convenios colectivos.

 

 

 

A NORMALIZACIÓN NA SOCIEDADE

No sector sociedade atópanse os factores que inflúen directamente sobre toda a sociedade ou sobre pequenas partes del, como pequenas asociacións sociais, deportivas ou de lecer.

...SERVIZOS SOCIAIS

 

As persoas que acoden a estes servizos soen estar psicoloxicamente afectados polo tema sobre o que van pedir axuda. Nestas circunstancias, a eficacia da axuda proporcionada estará directamente condicionada á comprensión e sentimento de acollida entre o que proporciona o servizo e o procurador deste, cousa que non se dará se non conversan no idioma natural do afectado. A pauta a tomar nestes casos debe ser empregar a lingua de quen pide axuda se o servizo cumpre coas condición de ofrecelo. O obxectivo do plan neste sector non será, polo tanto, atender en galego unha persoa que fala castelán, pero si o de garantir que ningunha persoa que teña o galego como lingua propia, sexa atendido noutra lingua ou se vexa forzado a expresarse noutra lingua.

... EMIGRACIÓN/INMIGRACIÓN

 

Moitos inmigrantes chegan aquí sen teren conciencia de que nesta parte de España existe unha lingua propia que está omnipresente. A actitude dos inmigrantes varía segundo as procedencias. Por exemplo os sudamericanos, que axiña captan a desigualdade de status legal do castelán e do galego e o hábito social das conversas bilingües, instálanse no castelán como base segura e cómoda, de xeito que tarde ou nunca aprenden o galego. Por outro lado, os procedentes de África e do leste europeo, sexa porque a diferenza lingüística é para eles maior, ou porque maiormente os últimos adoitan ser políglotas, manifestan unha actitude positiva ante a nosa lingua e axiña se incorporan ao seu uso.

 

A experiencia de outros países europeos indica que existe un camiño de integración dos inmigrantes na cultura local que é compatible coa conservación da cultura propia que eles traen consigo e que é beneficioso para o inmigrante e para a sociedade que o recibe. Os galegos en América aprenderon a lingua do país e participaron activamente nos seus procesos sociais de sabedoría e algúns deles mesmo lideraron eses procesos, pero ao mesmo tempo, mantiveron viva a cultura galega.

 

Debemos manter unha visión máis positiva da inmigración de cara á lingua, pois para o país receptor é un agregado de xente activa e dinámica que se atreve a dar pasos importantes para a súa vida. O obxectivo é que o galego apareza ligado directamente á cultura propia dos inmigrantes e que a conservación da súa identidade se una á conservación da nosa como propia.

 

 

...ASOCIACIONISMO

 

Existen dous tipos asociacións, as culturais e as que atenden as necesidades en infraestruturas dos cidadáns. Nas primeiras, o alego debe ser, en Galicia, o seu vehículo e medio de transmisión. Nas segundas, emprégase oralmente. Nas asociación comunitarias de veciños, propietarios ou círculos recreativos, queda renegado á oralidade fronte á utilización de documentos formais, que se fan en castelán, e acaba afectando á actividade completa. Finalmente ocorre a ocultación lingüística. A rutina de redactar formalmente os documentos en castelán como feito máis importante deste tipo de reunións, acaba provocando que toda a actividade se realice en castelán a pesares de ser galegofalantes a maioría dos participantes.

 

Nos deportes.

A área deportiva pode pasar desapercibida pero resulta bastante importante, porque é socialmente simbólico. Nel atópanse persoeiros insignes e ídolos sociais, que podendo empregar a lingua como algo neutro, empúrrana cara o uso dela por parte dos admiradores.

 

Tamén podemos fixarnos nos colectivos que se reúnen a gozar de partidos ou competicións. Nelas, o galego é a lingua espontánea, na que se fala cando a euforia domina o lugar. O que o relega a este segundo plano é que a retransmisión e divulgación da competición se fai en castelán, cousa que a RTVG solucionou a pasos axigantados.

 

No tempo libre.

As actividades de ocio, o tempo libre e os espectáculos é o mellor ámbito para promover a normalización, por ser o espazo da diversión e comunicación informal, momentos de experiencias e polo tanto, as vivencias da xente nova. A xente nova é o colectivo clave para a normalización, e ó tempo un dos máis desgaleguizados. E como o tempo de lecer é o que máis afecta á felicidade das persoas, é o que mellor pode realizar a relación de galego útil.

 

Respecto ó turismo.

Se nos fixamos, veremos que o que a xente recorda dos seus viaxes é o que é diferente do que atopan na súa procedencia. No caso de Galicia, existen moitos recursos turísticos, como a exótica natureza, a gastronomía e a que nos concirne a nós, a cultura.

 

Existen dous problemas básicos co turismo excesivo que afectan á cultura e á lingua. A primeira é a esaxeración desta para que chame máis a atención ó turista, danando a súa imaxe a cambio de propaganda incorrecta. A segunda unha ocultación da lingua ou a cultura co obxectivo de facer que o visitante se atope máis cómodo.

 

A partir destes datos obsérvase que debemos abrir outra vía de traballo, a aplicación da cultura el lingua galegas á divulgación do patrimonio galego que se lle amosa ós turistas.

 

O GALEGO FÓRA DE GALIZA

 

Aínda que pareza incrible, hai zonas fora de Galiza na que se fala o galego. Se afondamos un pouco mais neste tema decatarémonos que é moi doado que isto ocorra, pero non so co galego en particular, senón con calquera lingua, xa que non hai nada que especifique ata onde tense que falar un idioma.

 

Antigamente o territorio do galego era aínda máis amplo, xa que entraba en Asturias, León, Zamora e o norte de Portugal, polo que aínda hoxe en día pódemos atopar nestas zonas a xente que fale perfectamente o idioma.

 

Na comunidade de Estremadura tamén existe un pequeno núcleo (Val do Xálima) de tres lugares nos que se fala unha variedade da lingua galega: Valaverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. O galego nestes territorios parte dunha situación de desvantaxe fronte ao da Galiza administrativa, xa que non ten recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos falantes como nas medidas de protección da lingua galega.

 

Na comunidade de Castela e León non sucede o mesmo, xa que o seu estatuto sinala claramente que “gozaran de respecto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen”.Nestes territorios hai grupos concienciados que traballan pola defensa da lingua galega, ata o punto de que conseguiron que se introducise a súa aprendizaxe nalgúns centros escolares. Agora os seus obxectivos son garantir unha formación en lingua galega nos centros de ensino situado fora de Galiza e tamén o acceso os medios de comunicación públicos galegos.

 

Estas comunidades demandan axuda a secretaria xeral de política lingüística para mellor coñecemento, conservación e progreso da lingua común, o galego.

 

En León falan galego os seguintes lugares:

Arganza, Barxas, Benuza, Borrés, Cacabelos, Camponaria, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Pranzais, Ponte de Domingos Flórez, Ponferrada, Priaranza, Sobrado, Sobradelo, Toural dos Vados, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce, Viladecais e Vilafranca do Bierzo.

 

En Zamora fálano nos seguintes lugares:

As Pías, Porto, Lubián, Hermisende e Peñalba de la Pradería

 

A polémica co Bierzo

Como xa se mencionou anteriormente, na provincia de León, respaldase no seu estatuto a utilización do galego, xa que durante as dúas últimas décadas do século XX a reivindicación a prol do ensino do galego no Bierzo foi medrando.

 

Foi no curso académico 2001-2002 cando se permitiu finalmente a oferta da materia de galego nos centros escolares da Comunidade Autónoma. Os tres colexios que introduciron esta medida foron os situados en Corullón, Cacabelos e Carucedo, que facilitaron a aprendizaxe do galego ao seu alumnado.

 

A lingua galega do Bierzo occidental, que sempre se tiña escoitado fóra das aulas, nos patios, nas rúas o nos fogares, agora, por fin tamén atópase presente nos centros de ensino.

 

As Portelas

Aparte do Bierzo, e tamén en Castela e León, podemos atopar outra zona galegofalante. Esta zone é As Portelas, unha pequena zona da provincia de Zamora que abrangue os vales altos do Tuela, onde se atopan os concellos de Porto, Pias, Lubián e Hermisende. Entre os catro concellos non chegan aos 2.000 habitantes, pero nestas zonas, o idioma galego ten os mesmos dereitos que no Bierzo.

Asturias

Ao contrario do que sucede en Castela e León, en Asturias, o galego non conta con un apoio legal. Tal e como di Carlos Bello nun estudo sobre a lingua galega en dita comunidade, “non existe recoñecemento legal ningún a nivel estatutario”.

 

Aínda así, a LPB (Uso e Promoción do Bable) ten mencións significativas. O artigo 2 declara que "O réxime de protección, respecto, tutela e desenvolvemento establecido nesta lei para o bable/asturiano estenderase, mediante regulación especial ao galego/asturiano nas zonas nas que ten carácter de modalidade lingüística propia."

 

Tamén podemos atopar no seu artigo 4 que "Tódolos cidadáns teñen dereito a empregar o bable/asturiano e a expresarse nel, de palabra e por escrito. Terase por válido a tódolos efectos o uso do bable/asturiano nas comunicacións orais ou escritas dos cidadáns co Principado de Asturias. O Principado de Asturias propiciará o coñecemento do bable/asturiano por tódolos empregados públicos que desenvolvan o seu labor en Asturias".

 

Polo que podemos concluír dicindo que o galego fora de Galiza non recibe os mesmos tratos legais por parte das comunidades galegofalantes nestas zonas.