prexuízos lingüísticos

 

Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor precipitados e emitidos sen base argumentada ou razoable. Os denominados lingüísticos son os que emiten xuízos negativos ou positivos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes e provocan un rexeitamento ou aceptación dunha lingua na sociedade. Os prexuízos, en definitiva, son xuízos atrevidos ou precipitados emitidos sen base suficiente por persoas que se deixan levar por tendencias non sustentadas na razón.

 

Son case tan vellos como as propias linguas, pois xa os podemos albiscar na antigüidade greco-latina e na Idade Media, onde se confrontaba o latín, lingua culta, cos romances ou linguas vulgares e, a fins do período, se falaba de linguas boas ou malas segundo tivesen ou non gramáticas.

 

Os xuízos de valor poden someterse a comprobación e non dan lugar a prexuízos. Estes non son comprobábeis e poden afectar as persoas, os pobos, as linguas etc. con base en propiedades circunstanciais ou permanentes.

 

Os prexuízos son aprendidos polo individuo no seu proceso de socialización, sobre todo na infancia e adolescencia. Os principais axentes de transmisión son pais, profesores, grupo de iguais e medios de comunicación.

 

Os prexuízos son difíciles de detectar porque a xente intenta ocultalos ou disfrazalos. Para descubrilos cómpre aplicar técnicas cualitativas, que permiten analizar o nivel implícito dos discursos, como a entrevista en profundidade ou o grupo de discusión.

 

Para a aparición dun prexuízo o primeiro paso é a creación dun estereotipo a partir de tendencias maioritarias. Logo, ao non aceptar as excepcións ou ter un pensamento causal erróneo, simplificando, convértese nun prexuízo (Exemplo: estereotipo: “o perfil social do galegofalante é unha persoa de idade e do ámbito rural”; prexuízo: unha rapaza nova que fala galego nunha cidade non é unha galegofalante auténtica, das de sempre; senón unha nacionalista”.

 

Nos prexuízos, o estereotipo vai acompañado de sentimento de rexeitamento e cumpren unha función defensiva do grupo dominante para xustificar e manter a súa posición. Tradicionalmente en Galicia os castelanfalantes podían manter o privilexio do monolingüismo, mentres que os galegofalantes debían aprender e utilizar o castelán. Coa chegada da democracia e o proceso de normalización, algúns castelanfalantes rexeitaron as medidas que implicaban a obriga de aprender o galego e a perda de espazos para a lingua dominante, como por exemplo o aumento de materias en galego no ensino.

 

Os prexuízos lingüísticos en contra do idioma propio en Galicia, fóronse conformando ao longo dos séculos, nun lento proceso de imposición e substitución lingüística que durou centos de anos. En consecuencia, mudar eses prexuízos tan longamente adquiridos implica grandes dificultades e tamén moito tempo, pois non se pode destecer nuns días o que se teceu en séculos.

 

A súa máxima extensión na nosa terra deuse na década dos 60, cando soamente o 13% dos galegos falaban unicamente en castelán. Foi nesa época cando se aplicaron medidas na administración e na educación de obriga do idioma foráneo. Ademais coincide co éxodo do rural galego a cidades coma Vigo ou á Coruña onde unha burguesía chegada doutras zonas tiña asimilado o castelán coma lingua de prestixio.

 

Ao galego aplicáronselle prexuízos lingüísticos de carácter xeral (“é unha lingua con poucos falantes”, “é unha lingua primitiva”, “é un dialecto”...) e outros específicos que callaron máis na sociedade, algúns xa vellos (asóciase co rural, a pobreza, a ignorancia e o atraso; menor utilidade por número de falantes e para acceder ao mercado laboral...) e outros máis recentes (a suposta imposición do galego na actualidade; o galego normativo como lingua artificial, o galego como marca ideolóxica ou profesional...).

 

Poderemos falar, así, de vellos prexuízos, como a vinculación do galego ao mundo rural, ao atraso, aos ámbitos informais...; e de novos prexuízos, aparecidos na transición democrática e no inicio do proceso de normalización, coma a asociación do galego a un determinado perfil político ou os prexuízos da súa suposta imposición.

 

A mellor estratexia para combatermos estas ideas será cuestionármonos o discurso establecido e intentarmos modificalo mediante o coñecemento das causas en que asenta. Moitas destas serán de carácter histórico e nelas haberá que profundar; outras, como dicimos, obedecen a factores máis achegados á actualidade.

 

Deixando a un lado os prexuízos, outros factores determinantes do uso lingüístico son:

 

· O hábito: resulta difícil cambiar de lingua con amigos e familiares.

· A competencia: ten que pasar algún tempo para adquirir fluidez e soltura na nova lingua.

· O contorno: na veciñanza, escola, centros comerciais, medios de comunicación.

· Os grupos de pertenza: un individuo pode verse rexeitado polo grupo se empeza a falar noutra lingua, sobre todo se esta está marcada socialmente por prexuízos.

 

 

 

 

 

Analizaremos os distintos prexuízos divididos nos diferentes eidos aos que afectan:

 

MENTIRAS NO MUNDO DO COMERCIO E A EMPRESA

 

Os particulares e as empresas privadas teñen dereito a usar sempre a lingua da súa preferencia nas súas relacións cos clientes, outras empresas ou administración.É dicir que poden utilizar a lingua que prefiran como dereito (non como lei). O problema aparece cando as empresas reciben subvencións de normalización e estas utilizan estes fondos para outras cousas que non teñen que ver coa normalización. Neste caso os clientes teñen dereito a esixir que se note o investimento de normalización como mínimo na atención ó público; en cambio outras empresas o problema que teñen é que non reciben nada por funcionar en galego. Outro problema son as denuncias de despedimentos de traballadores dalgunhas empresas debido a imposición do castelán, que, no caso do galego, nunca sucedería.

 

O cidadán galego debería ter todo o dereito a ser atendido en Galicia na súa lingua de preferencia (galego ou castelán). Xa que isto non é prexudicial á empresa ao reducir a clientela, senón que é todo o contrario, xa que moitos galegos sentiríanse cun trato máis achegado e de maior agrado da empresa ou particular.

 

A razón pola que a maioría das empresas no utilizan o galego en Galicia (carteis, trato co cliente, publicidade...) é a ideoloxía dos empresarios, claramente influenciada polos prexuízos estendidos na sociedade. Isto contrasta coa situación doutras zonas onde estas mesmas empresas empregan de xeito habitual a lingua autóctona para os seus negocios (coma en Cataluña).

 

O galego non impide a contratación de bos profesionais foráneos, xa que isto só depende dos salarios e condicións laborais que pagan as empresas ou institucións galegas para compensen a vida na periferia e nas cidades medias porque: sen AVE, sen conexións interurbanas de calidade, sen boa oferta de conexión aéreas, sen oferta cultural comparable ás grandes capitais etcétera, calquera gran executivo antes de vir pensaríao moito. Noutros países como Portugal o portugués no impide a contratación de foráneos (executivos, científicos, directivos etcétera) ou outros idiomas coma o holandés, o esloveno ou o islandés. O recente informe Cvexplorer.com (2009) situou a Galicia como a sexta autonomía española por oportunidades laborais para directivos e executivos, por diante de moitas autonomías oficialmente monolingües en español. A segunda é Cataluña, e a cuarta Valencia.

 

O parágrafo anterior tamén vai dirixido ó turismo, xa que calquera, en último termo, podería entender a sinaléctica (símbolos cun significado determinado, como por exemplo os que indican os servizos nunha cafetería) utilizada en Galicia. O que impide a atracción de turistas son as cativas infraestruturas turísticas, a escasa capacitación do persoal, as deficientes comunicacións aéreas e ferroviarias etc., non a sinaléctica galega.

 

O galego non dificulta as relacións empresarias xa que facilita enormemente as relacións empresariais con Portugal e Brasil. Estatisticamente os galegos galegofalantes parten con vantaxe fronte o español, xa que, estes poderían utilizalo español nun mercado de 400 millóns de clientes potenciais, e, por riba e a maiores, o galego nun mercado de 250 millóns máis. Isto fai que un galegofalante tería doada comunicación cun numero de persoas semellante ó inglés (650 millóns) e un castelanfalante non.

 

A todos os empresarios que traballan no territorio do Estado español impóñenlles o castelán en máis de 150 normas, decretos e artigos vixentes aínda no Estado, que se non son cumpridas poden ser multados por no utilizalo español obrigatoriamente. Na lei de Comercio de Galicia prevíase nun dos artigos a obriga de estaren os rótulos dos comercios como mínimo en galego, sen prohibir o castelán, deixándoo simplemente como elección libre do propietario. Esta medida xa foi tomada en Cataluña.

 

 

MENTIRAS SOBRE A NORMATIVA DO GALEGO

 

Hai varias afirmacións que se relatan e explican a continuación:

 

Actualmente fálase do galego normativo de forma despectiva, tratándoo coma unha lingua artificial que ninguén utiliza.

Este tamén e o caso do español, o portugués e o resto das normativas que se lle atribúen as demais linguas, segundo din. Mais esta afirmación é falsa, porque por definición todas as linguas estandarizadas son unha construción ideal que só se emprega como tal en rexistros elevados e coidados moi formalizados. O galego normativo baséase no coñecemento do galego popular de todas as zonas galegofalantes e do galego literario moderno legado por moi bos escritores, depurado de castelanismos, enriquecido con léxico culto da ciencia e da técnica e destinado aos usos cultos e oficiais do idioma. En resumo, é o modelo elaborado polas persoas máis competentes na materia que hai en Galicia. No caso das reformas ortográficas estamos diante doutro prexuízo que non se lle aplica o castelán posto que todos os grandes cambios normativos do galego oficial en vinte e cinco anos ocupan pouco mais dun folio, e en cambio, no castelán introduciron recentemente normativas moito mais importantes que as que se introduciron no galego.

 

A segunda absurda afirmación di que en Galicia non se fala galego normativo, senón castrapo, e que o galego normativo é un invento de laboratorio.Intentan presentar como castrapo o galego popular, o galego común interferido verticalmente polo castelán, cando non é certo.

 

En Galicia fálase maioritariamente o galego e o castelán de Galicia. Entre castelán normativo e galego normativo podemos ter unha diversa gradación de usos aínda que no dicionario atopamos a definición de castrapo como <<Denominación pexorativa da variedade castelá falada en Galicia moi influída polo galego na súa prosodia, fonética, morfosintaxe e léxico>>.

 

Son lóxicas as mutuas interferencias entre dúas linguas próximas que se usan nun mesmo territorio, pero en Galicia no teñen o mesmo grao de reciprocidade ao non se dar unha relación de igualdade social entre as dúas.

 

O galego popular contén castelanismos que o galego normativo depura e elimina substituíndoos por formas galegas recuperadas para a maior parte ou todos os falantes, como poden ser (avó, deus, coello, igrexa, persoa, polbo, garfo, culler...). Do mesmo xeito, o castelán rexional de Galicia presenta aínda máis interferencias do galego, sobre todo na fonética, na prosodia, a morfoloxía e o léxico natural (fauna, sentimentos, flora, etc.)

 

Tamén algunhas persoas din que non falan galego porque o falan mal, pero pola outra banda, as persoas que falan castelán non o deixan de lado aínda que o falen mal.

 

Na lingua galega o proceso de normativización tivo lugar moito máis tarde que o doutras linguas europeas que acadaron antes a consideración de oficiais.Todas as grandes linguas de cultura foron dialectos que tiveron unha elaboración e estandarización case milenaria e tiveron tamén un exercito administrativo e político que impuxo as súas formas normativas sobre as demais variedades destas linguas e sobre outras.

 

O galego, como calquera outra lingua viva, é rica en rexistros e variedades dialécticas intercomprensibles para toda a poboación. Por iso, os negacionistas terán que buscar outro prexuízo crible porque isto non lles vai valer.

 

Din que o galego non serve para tratar ben todos os temas porque non ten léxico moderno apropiado e por iso se inventan parvadas, ou tamén que non é apropiado para as materias dos colexios posto que confunde os rapaces.

 

Foron os científicos galegos do Centro de Investigacións Nucleares de Xenebra os que se encargaron publicamente de desmontar esta falacia que estaba estendida por varios xornais de Galicia.

 

O galego é tan apropiado como calquera outra lingua para tratar todos os temas, desde física a astronomía pasando por medicina, economía ou edafoloxía. A inmensa maioría do caudal técnico e científico procede en todas as linguas modernas de termos grecolatinos e ingleses.

 

O galego, como calquera lingua de cultura e investigación, está regularizando e adaptando terminoloxía de campos semánticos aos que ata agora non tivera acceso. Esta modernización, pola cal o galego se pon a altura de calquera outra lingua e a que fai que os que desprezan o noso idioma inventen este tipo de bulos urbanos sen fundamento algún.

 

A última afirmación di que o castelán e o galego ocuparon cadanseu lugar na sociedade galega e fóronse enriquecendo mutuamente ao longo da historia, de aí as lóxicas interferencias que galeguizan o noso castelán e castelanizan o no so galego, comentando despois que rachou esta magnifica convivencia enriquecedora por culpa da lei de normalización lingüística e polo decreto 124/2007.

 

Do mesmo xeito, con negra ironía poderíase afirmar que brancos e negros, ou amos e criados, ocuparon sempre cadanseus lugares en moitas sociedades e se foron mesturando ao longo da historia. Non, galego e castelán non se foron enriquecendo mutuamente, en absoluto. O castelán penetro fortemente no léxico galego culto, escolar, administrativo, científico, alá onde o galego estivo. O galego penetrou no castelán falado por galegos no máis auténtico, íntimo e inamovible dunha lingua: a fonética e a prosodia que moitos, aínda que quixeron, nunca puideron disimular.

 

Por último, o decreto non rachou ningunha pacífica convivencia ou bilingüismo harmónico e bucólico, mais ben ao contrario, veu tratar de pór orde, paz e igualdade nun conflito lingüístico histórico entre o castelán e o galego. Esta visto que hai xente que non quere a paz e a convivencia lingüística, senón a desaparición do galego para maior gloria dunha idea de España uniforme. Estes problemas xurdiron cando parecía que se ía comezar en serio a aplicar a lexislación.

 

 

MENTIRAS SOBRE A UTILIDADE DO GALEGO

 

Este é un dos grupos de prexuízos máis daniño, pois en xeral aquilo que non se sente como útil acaba sendo rexeitado e abandonado. Se o galego non fixera ver a súa utilidade para a sociedade, esta deixaría de utilizalo. Arredor deste grande prexuízo agrúpanse outros directamente relacionados con el. Ou, dito con outras palabras, este prexuízo preséntasenos baixo diferentes formulacións:

 

O galego non serve máis que para usar en Galicia, non ten proxección internacional como ten o castelán.

 

A época de maior proxección exterior da nosa terra foi durante a Idade Media, cando o galego era a única lingua do territorio.

 

O español é unha lingua que abre portas fóra de España pero o galego tamén as abre coa galaicolusofonía, xa que nos permite comunicarnos con máis de 175 millóns de habitantes dos diferentes continentes que son de fala portuguesa, un dos idiomas máis achegados ao galego e o 5º máis falado arredor do planeta.

 

Un galegofalante é, desde unha perspectiva comunicativa, dobremente válido na súa fala. Ora ben, é falso que un idioma abra todas as portas: En ciencia e investigación ningunha das dúas ten proxeccións, pois o español apenas é empregado no escenario tecnolóxico, científico e político internacional.

 

Medir a importancia dunha lingua polo número de falantes é confundir cantidade con calidade. Soamente co galego pódeste mover por Galicia sen necesidade do castelán, porque é a nosa lingua, pero é curioso decatarse de que hai xente que di que necesita o castelán, aínda que nunca saíron de Galicia ni o ten pensado facer. Os galegos fomos un pobo emigrante. Estivemos en moitos países e aprendemos a falar o idioma que fose sen problemas, sen ter que aprender castelán para traballar nin vivir nesas zonas. Hai moitos emigrantes aínda residentes noutros países que seguen lembrando o galego como a súa lingua nai.

 

Está sobradamente demostrado que cantos máis idiomas se dominen desde a infancia, máis doado é dominar despois outros novos. Os galegos temos o noso e grazas a el abrimos comunicación cos falantes de portugués de varios continentes, aprendemos castelán sen dificultades porque nos é moi próximo, e isto ábrenos comunicación con outras persoas de América; e precisamente por ser competentes en dúas linguas dende cativos, podemos doadamente acceder a outra linguas posteriormente. Temos mais vantaxes que unha persoa que soamente fale castelán, precisamente porque partimos dun idioma diferente. Esta diferenza e un plus de coñecemento e distinción.

 

Non ter proxección internacional ou non ter centos de millóns de falantes non é garantía de utilidade ou inutilidade. Son moi poucas as linguas do mundo que teñen proxección internacional, que son útiles para viaxar, comerciar, investigar, etcétera.

 

As realmente útiles na nosa vida son as linguas para vivir a cotío, e en Galicia a lingua propia para vivir a diario é desde sempre a lingua que creou o noso pobo durante centos de anos: o galego

 

(Se realmente a preocupación dos prexuizosos é non entenderse cun islandés, sempre lles quedará a linguaxe universal, coñecida no mundo enteiro e quen sabe se fóra.)

 

 

 

A segunda afirmación di que abonda con entender o galego para vivir en Galicia, non fai falla ningunha aprendelo, non poden obrigar a facelo, nin a usalo, co que é mais que suficiente a esixencia da materia de lingua galega no sistema escolar.

 

Negarse a aprender a falar galego, (como se pode deducir desta afirmación) implica desprezo absoluto e negación ideolóxica. O sistema educativo galego ten como un dos seus obxectivos facer que os seus alumnos adquiran unha competencia plena no uso das dúas linguas oficiais. Quen non saiba galego e menos competente e menos apto, e non debería de poder optar a moitas prazas da función publica. Non abonda entendelo, cómpre falalo e escribilo ben para ser unha persoa competente con mais posibilidades sociolaborais en Galicia.

 

É necesario que médicos, xuíces, fiscais, profesores, etcétera. saiban falar en galego para non seren sentidos como corpos estraños e alleos na nosa sociedade, onde o normal é que calquera fale como pouco galego e castelán.

 

 

Por último, afírmase que cantos máis falantes teña unha lingua, maior será a súa utilidade.

 

Isto depende de moitos factores. Está o caso do hindi e o chinés que teñen centos de millóns de falantes e teñen pouca ou ningunha utilidade fora de cadansúas comunidades. Todo isto depende do lugar. O chinés mandarín é a lingua mais empregada do mundo e en Galicia non é de nada útil.

 

A utilidade dunha lingua mídese pola capacidade para nos permitir comunicar a diario e construír pensamento, e non pola cantidade de persoas que a falan. E o galego, como tal lingua, en Galicia por definición xa ten esa capacidade.

 

 

MENTIRAS SOBRE A HISTORIA DAS LINGUAS

 

Os prexuízos lingüísticos sucedéronse ao longo da historia no noso territorio. A entrada do castelán no século XIII, e a consecuente convivencia entre as linguas provocou unha situación de loita entre as dúas, que dende sempre puxo ao galego nunha situación de baixa consideración social respecto ao castelán.

 

O castelán chegou a Galicia imposto polos cargos públicos casteláns, (bispos,abades, notarios, militares, etcétera). Polo tanto a única maneira de acceder a postos públicos, altos cargos na administración etcétera, era obrigatoriamente castelanizándose, xa que o castelán era a única lingua posible da administración, da xustiza, da escola, da prensa, do prestixio, da clase alta, dos usos oficiais... Deste modo a maioría da poboación tivo que aprender castelán para poder relacionarse con avogados, médicos, administradores, xuíces, bispos, militares, etcétera. O castelán, impúxose por presión debido ós motivos anteriores, non polo desexo de que así fora.

 

A política inflúe moito na expansión do galego, xa que fixo que moita xente aprendera o castelán se querían subir na escala social , porque o galego estaba proscrito e estigmatizado nos usos políticos e de cultura.

 

Por outra banda a xente que se viu obrigada a aprender castelán para acceder a altos postos tivo tamén que trasladarse a traballar en urbes, onde se concentraban as zonas culturais. Isto provocou outro prexuízo actualmente aínda existente polo que os galegofalantes son vistos como persoas rurais (que á súa vez, claro, con as zonas menos desenvolvidas)

 

Segundo o seguinte prexuízo, a poboación galega escolleu o castelán en vez do galego, voluntariamente, na procura de benestar e polas portas que lle abriría no futuro. Xa dende fai 400 anos apareceron leis , decretos e normas que obrigaban pola forza ós galegos a utilización do castelán, pero isto foi a peor no período franquista, no que o número de galegofalantes reduciuse a metade debido á represión legal do idioma galego, a xeneralización da educación obrigatoria en castelán, a popularización dos medios de comunicación de masas só en castelán e a extensión dos prexuízos e desprezos contra a lingua galega e os seus falantes. Algunhas das normas e leis discriminatorias e represivas contra o galego que perviven ata agora son:

 

 

1801 O reglamento de Teatro prevía que << no podrán representarse piezas que no sean en idioma castellano y actuadas por actores y actrices nacionales>>.

 

1896 Prohibición da Dirección General de Correos y Telégrafos para falar por teléfono en linguas diferentes do castelán.

 

1938 Orde ministerial sobre cooperativas: <<Queda terminantemente prohibido el uso de otro idioma que no sea el castellano>>.

 

1940 Normas cinematográficas: <<Todas as películas deberán estar dialogadas en castellano prescindiéndose, en absoluto, de los dialectos>>.

 

1950 Prohíbeselles aos escolares, aos cregos e aos seminaristas o uso doutra lingua que non sexa o castelán.

 

1951 Orde gobernativa de 31/12/1951: prohíbese o uso da lingua galega en actos e discursos da Real Academia Galega. Prohíbese o uso da lingua galega en conferencias ou actos culturais. Prohíbese traducir literatura estranxeira ou o uso doutra lingua que non sexa o castelán.

 

2008 Seguen aínda en vigor arredor de 150 disposicións, artigos e decretos que obrigan ao uso do castelán na industria e no comercio (etiquetaxe, prospectos, instrucións de uso etc.). Só en 2008, tres reais decretos impoñían o uso do español na etiquetaxe: RD 1079/2008, RD 1246/2008 e RD 1644/2008; porén seica o artigo que obrigaba ó bilingüismo castelán-galego na Lei de comercio galega é imposición, os outros 150 que obrigan ó monolingüismo en español non o son.

 

Segundo o seguinte prexuízo o español é a lingua creada ao longo de séculos por todos os pobos de España sobre a base do castelán, lingua común de encontro para o benestar, as viaxes, o comercio, a literatura etcétera. Isto non é verdade xa que o castelán non foi lingua de encontro xa que en Castela non coincidiron nin se fusionaron poboacións galegas, catalás ou portuguesas que axudaron a crear entre todas o español.

 

O castelán foise impondo como lingua da corte desde o século XIII ata o século XV, e é a partir desta época, xa que é a única lingua da monarquía e do aparello legal, cando se expande e se impón en todos os eidos, polo prestixio real derivado da presión política.

 

Na actualidade parecen terse reducido os prexuízos sobre o galego entre a xente nova, mais, de todas as formas, isto non se traduciu nun aumento do uso desta lingua nas novas xeracións. Con todo, nalgún estudo máis ou menos recente aínda se constata unha presenza importante de prexuízos nesa franxa de idade, de modo que a idade non semella unha variábel tan destacada ao falarmos deles. Na realidade, a mocidade o que fai é reproducir os prexuízos que aprendeu da xente maior. Por iso cómpre insistirmos no combate contra estes como ferramenta útil para a normalización, xerando un contradiscurso capaz de combater os efectos daniños do discurso do poder historicamente dominante.

 

 

MENTIRAS E PREXUÍZOS NO ENSINO:

 

Que é o ensino? É un sistema onde se busca que os alumnos, a través do mesmo, desemboquen nos cidadáns dunha sociedade idealizada polo goberno e diferentes institucións que o apoian. Ademais, por suposto, do seu principal obxectivo, formar traballadores e persoas capaces de desenvolverse no mundo.

 

Así observamos como os prexuízos que atopamos sobre a lingua galega no ensino son falacias publicadas por determinadas institucións para conseguir a súa sociedade utópica do futuro, libre dunha lingua tan vulgar e innecesaria coma o galego, e non teñen ningún argumento sólido, pois a xente estranxeira que comeza a falar este o noso idioma, está libre de prexuízos, e comézano a falar para poder comunicarse mellor co seu entorno ( cando se atopan en Galiza) ou simplemente, por gusto. Tamén cabe ter en conta que esta xente é nova na nosa terra (por esta razón os consideraremos neutrais) sorpréndense de que nós, os galegos, non utilicemos e incluso desprecemos o galego.

 

Así podemos observar diferentes e sorprendentes afirmacións coma:

 

 

Temos dereito a escolarizar os nosos fillos na lingua que queremos”, ademais de engadir que o deben de facer porque eles saben mellor ca ninguén o que lles convén aos seus fillos.

 

Para comezar, este dereito non existe, recoñecéndoo eles mesmos subxectivamente noutros prexuízos posteriores. A principal razón da inexistencia deste dereito é que sería un xeito de discriminación de alumnado pola lingua, un problema engadido para os escolares que xa se ven separados do grupo por outros prexuízos formados por algúns nenos e carentes de sentido, cando o máis saudable para os futuros cidadáns da nosa sociedade sería aprender a respectar as diferenzas do noso pobo. Omitindo que se os pais puidesen escoller a lingua de escolarización farían dos seus fillos uns incompetentes lingüísticos, pois non terían a posibilidade de ser bilingües en galego e castelán.

 

E respecto da afirmación de que os pais saben mellor ca ninguén as necesidades dos seus fillos, polo menos no ámbito lingüístico equivócanse, xa que o que é verdadeiramente enriquecedor para un alumno é a capacidade de dominar enteiramente o maior número posible de linguas. Para isto tense que recorrer, no caso do galego, a unha discriminación positiva do mesmo para que os nenos acaden unha competencia equivalente á do castelán, xa que esta lingua pode ser dominada utilizando eidos diferentes ao educativo, entre os que se atopan os medios de comunicación, etcétera. Por esta razón debemos de procurar ter unha maior presenza do galego no ensino, equiparando desta maneira as dúas linguas cooficiais de Galiza.

 

 

A maioría das clases impartidas en Galiza na actualidade, son en galego, desfacendo o equilibrio lingüístico do mesmo co castelán, pois isto implica a desaparición do español do sistema educativo galego, e problemas para os nenos castelanfalantes, a maioría en Galicia.

 

Primeiramente, se isto fose certo, a normalización lingüística necesaria no galego non debería de existir, cando todos os que estudamos un pouco de sociolingüística na nosa vida sabemos da urxente necesidade deste plan se queremos recuperar unha lingua en decaemento. Tamén cabe destacar que todos os que estudamos no sistema educativo galego mentiriamos o afirmar este prexuízo, pois se unha lingua se impón nas aulas esa é o castelán non o galego. Mesmo co decreto do 2007, polo menos no noso instituto, predominou o galego, debido probablemente ao período de adaptación a esta lei que xa nunca se acadará, debido ao novo decreto aprobado pola xunta hai poucos días.

 

Cando menos, podemos asegurar que o castelán perdurará moitos anos na nosa educación, desmontando así a outra teoría que di que inda que a maioría dos nenos falan castelán (mentira, a maioría combina as dúas linguas), a maioría das clases son en galego. E xa que queremos que os alumnos e a sociedade en xeral sexan bilingües, non deberiamos promover un sistema onde se promova unha competencia lingüística equitativa? Pois para isto necesitaremos reforzar as nosas aulas con galego.

 

 

A maioría dos libros de texto están en galego, ademais de dicir que tamén se poden usar libros en castelán en materias en galego, chegando a pedir subvencións.

 

Ao observar este prexuízo tamén observamos a incoherencia dos mesmos e como non se apoian en ningunha base crible. Se unha clase debe de ser en galego...Como se pode utilizar un libro en castelán?

 

Sen esquecer que a maioría dos libros están xusto na lingua contraria da que fala o prexuízo, o castelán, e, se temos en conta o número de profesores que teñen un libro en galego e dan clase en castelán (hai que salientar que isto non se dá no sentido contrario), podemos desmontar completamente o prexuízo.

 

 

O rendemento escolar de inmigrantes en zonas con dúas o máis linguas cooficiais en España é pésimo por mor da imposición das linguas minoritarias, así como o nivel de coñecemento entre alumnos cataláns de castelán é pésimo por esta mesma razón. Sen esquecermos de que hai pouco se asegurou que a imposición do galego causa prexuízos psicolóxicos nos nenos.

 

Tendo en conta que cantas máis linguas aprendamos dende pequenos máis facilidades teremos para aprender posteriormente outras linguas esta afirmación non parece moi razoable, e, cando vemos que as estatísticas da competencia en castelán son superiores por parte da zona galega, onde se atopan dúas linguas, ás do resto do estado, parece unha afirmación incluso feita por un tolo.

 

Entrando na situación dos inmigrantes, pensamos que a lingua non é o principal problema que lles causa o fracaso escolar, pois a proximidade de galego, castelán e catalán fan indiferente aprender unha ou outra. Cremos máis ben que o problema será pola dificultade de adaptación a unha sociedade, nalgúns casos, tan diferente.

 

 

O galego non é lingua para a escritura

 

Este prexuízo ten a súa orixe alá polos séculos escuros, cando a literatura galega foi nula por motivos políticos. Afortunadamente cremos (e esperamos) que está xa actualmente bastante desfasado

 

 

MENTIRAS E PREXUÍZOS NA ADMINISTRACIÓN:

 

Os principais prexuízos producidos na administración teñen que ver coa lingua en que se redactan documentos, nos dan información, etcétera, ou sobre a política de contratación dos nosos funcionarios.

 

Tamén hai prexuízos sobre o galego en zonas fora de Galiza relacionados coa administración, este é o caso do Bierzo, onde o principal prexuízo conclúe nun problema de fronteiras, pois a ser unha zona de Castela e León parece ser para esta administración admisible que se fale galego na súa comunidade, e néganse a recoñecelo coma lingua cooficial. Isto crea serios problemas na identidade desta xente, xa que por mor dunha soa división entre comunidades non teñen os mesmos dereitos ca nós a aprender e falar a súa propia lingua.

 

Volvendo ao caso de Galicia, podemos observar como determinadas persoas din que teñen dereito a que toda a documentación oficial, etcétera se atope nas dúas linguas. Isto non é moi lóxico cando pensamos a diferenza que existe entre dicir hospital en galego e castelán, absolutamente inexistente. Non dicimos que non poidan reclamalo se queren, pero o galego é perfectamente comprensible por un castelanfalante, e, se é así por que se quere cambiar topónimos e traducilos ao castelán ou nomes de asociacións que levan moitos anos de funcionamento agora? Nós polo menos non atopamos resposta racional.

 

Por suposto isto non para aquí senón que tamén afirman que para ser funcionario en Galiza, o galego debería ser un mérito non unha obriga. Engadindo que queren un médico que lles cure, non que lles fale en galego.

 

Eu si prefiro un médico que me fale en galego, porque así, a parte do diagnóstico, moi importante no proceso de curar ao paciente, é máis sinxela e fácil para os pacientes. Ademais podes observar un sentimento moi fondo na cultura galega pois dende hai moitos anos implantouse o pensamento de que todo o que está relacionado co castelán é mellor có galego.

 

Tamén debería de ser obrigatorio (e o é) o galego para un funcionario de Galicia, porque senón non podería dar un servizo ao que teñen dereito os galegos.

 

 

PREXUÍZOS DO GALEGO COMO SINAL DE MALA EDUCACIÓN

 

Outro grupo de prexuízos utilizados como argumento para frear calquera intento de normalización lingüística é o de considerarmos o emprego do galego como un sinal de descortesía ou de falta de educación en determinados contextos:

 

Falar galego ao primeiro de cara ás persoas descoñecidas é unha desconsideración”

 

De asumirmos iso, estariamos reservando para o galego un papel totalmente subordinado, como lingua inferior condenada á progresiva desaparición. Non logramos entender o sentido desta frase. Realmente pódese pensar que algunha persoa falante de calquera idioma pense isto? E logo, como farán os monolingües? (Recorrerán ao famoso idioma universal que xa citamos?)

 

Falantes doutras linguas minorizadas tamén son maleducados e nós non debemos ser así”

 

Se cadra este prexuízo é froito da idea que algunhas persoas teñen de que outros falantes de linguas minorizadas (ou non), por exemplo os cataláns ou os portugueses, non cambian o seu idioma nunha situación de conversa cunha persoa de fóra, por outro idioma coñecido por ámbolos dous conversantes. Vese de lonxe que isto non ten ningunha base demostrada, ademais de que na maioría dos casos existe unha intercomprensión do contexto xeral da conversa.

 

 

 

PREXUÍZOS RELACIONADOS COA SUPOSTA IMPOSICIÓN DO GALEGO

 

Este grupo de prexuízos é novo, pois o abandono absoluto e mesmo a proscrición en que se mantivo o galego durante case os catro séculos precedentes facían imposíbel que ninguén puidese pór en circulación tal discurso impositivo. É precisamente nos últimos tempos, tras ese longo período de sometemento, ao se tomaren as primeiras e tímidas medidas de protección e promoción do galego, cando xorde con forza este tipo de prexuízos:

 

O galego é unha imposición dunha minoría política intolerante”

 

Tanto a Lei de normalización lingüística como o Plano xeral de normalización da lingua galega, por exemplo, foron aprobados por unanimidade no Parlamento galego.

 

Cando a maioría, ou pouco menos da metade da poboación (xa que vén diminuíndo cos anos) ten como lingua nai o galego, realmente poden ser intolerantes as medidas lexislativas referentes á implantación desa lingua de xeito pleno na sociedade?

 

Habería que analizar quen é o intolerante

 

O galego está imposto actualmente no sistema educativo”

Realmente todas as linguas teñen o mesmo grao de imposición: unha lei que garanta un mínimo de materias en galego é igual ca unha lei que o faga en castelán, como recentemente fixo o goberno español. Non cremos que isto moleste ás persoas que afirman a imposición do galego. É lóxico que un goberno pretenda manter a súa cultura, aínda que sexa por riba de outra.

 

Como antes se impuxo o castelán, agora quérese da mesma forma impor o galego”

 

Xa unha frase popular di “non fagas aos demais o que non che gustaría que che fixeran” Podería ser, se cadra, que simplemente se quixera voltar á situación previa á imposición e para iso se teñan que tomar certas medidas?

 

Durante a época de prohibición do galego moita xente foi ridiculizada, castigada e agredida fisicamente por falar ou defender o galego; realmente estamos nunha situación inversa?.

 

Hai un rexeitamento social á normalización do galego”

Todos os estudos e dan unha maioría social a favor do galego, á parte da mobilización social de creación e afiliación a grupos en prol da lingua, que naturalmente apoian a normalización do idioma como unha recuperación da situación.

 

 

OUTROS PREXUÍZOS

 

O galego normativo é unha lingua artificial”

 

Esta non é unha afirmación completamente falsa, pero lembra moito a un prexuízo que di que os galegofalantes de toda a vida non saben falar un galego correcto, se o “galego correcto é artificial que se lle recrimina á poboación? En que quedamos?

 

O galego é unha marca ideolóxica ou profesional”

 

É este un novo prexuízo, xurdido nas últimas décadas como consecuencia da incorporación do galego á vida pública, en especial á actividade política e educativa. Pode manifestarse de diversas maneiras:

 

1. O galego, lingua marcada politicamente (a identificación cunha ideoloxía determinada ou cunhas siglas políticas concretas)

2. O castelán, lingua neutra no comercio e na hostalaría (o uso do galego nestes ámbitos semella estar connotado e, por tanto, a tendencia é a usar unha lingua neutra, o castelán, lingua non marcada social ou politicamente).

3. O uso correcto e consciente do galego é unha marca profesional ou de lusismo (tamén se asocia o uso consciente e correcto do galego coa condición de profesor ou profesora de lingua galega; e tamén acontece que cando unha persoa utiliza un modelo de galego depurado e máis acorde coas solucións comúns e tradicionais do sistema lingüístico en que está inserido, é cualificado de lusista ou mesmo se afirma que fala portugués).

4. A visión 'estraña' dos nenos galegofalantes das cidades, que moitas veces deciden cambiar a súa lingua nai por outra para as súas conversas habituais (sofren as consecuencias de o galego se ter convertido nunha lingua política ou socialmente marcada e tamén doutros prexuízos existentes).